XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as tarifas dos aparcadoiros públicos para 2009

23/12/2008 O Goberno local deu o visto bo ás novas tarifas para os aparcadoiros públicos, segundo a proposta aprobada no seu día polo Consello de Administración de TUSSA. Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno aprobou tamén o convenio para o financiamento dos gastos derivados do incremento do cadro de persoal do Parque de Bombeiros, asinado entre o Concello e a Deputación Provincial da Coruña.

A Xunta de Goberno ratificou a proposta de tarifas para os aparcadoiros públicos xestionados por TUSSA nos termos anunciados polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves. A actualización de prezos, segundo IPC anual (3,6%) afecta aos aparcadoiros de Belvís, Xoán XXIII, dársena de autocares de Xoán XXIII e da estación de autobuses na parte que corresponde ao control municipal. Ademais, créase un bono para motos no aparcadoiro de Xoán XXIII.

No aparcadoiro de Xoán XXIII, a actualización ponderada queda nun 3,21%, efecto dos redondeos ao pasar o prezo por minuto ás táboas tarifarias. Así, o prezo por minuto ata a cuarta hora quedará en 2009 en 0,0193 euros, mentres que a partir da cuarta hora e ata a décima, o custo será de 0, 0144 euros.

Para os bonos, a suba media é do 2,94%. O de 24 horas pasará a custar 54 euros, polos 48 euros que custará o bono diúrno e os 36 do nocturno. A estes hai que engadir o mencionado bono de moto, de 40 euros.

No aparcadoiro de Belvís, a tarifa por minuto ata os 45 minutos queda en 0,0151 euros, ata a cuarta hora en 0,0119 euros e a partir da cuarta e ata a décima en 0, 0109 euros. Este estacionamento conta cunha gran variedade de tipos de abono, polo que non se fixo necesario facer ningún tipo de cambio.

En canto á dársena de autobuses de Xoán XXIII, está fixado un importe fixo para a carga e descarga de viaxeiros por día sen límite de entradas. Para cada operación o autocar dispón de 15 minutos. Para 2009 aprobouse unha actualización de 0,50 euros, deixando a tarifa en 14 euros e mantendo as penalizacións actuais de un e dous euros.

Convenio sobre o Parque de Bombeiros
Outro punto aprobado foi o convenio para o financiamento dos gastos derivados do incremento do cadro de persoal do Parque de Bombeiros, asinado entre o Concello e a Deputación Provincial da Coruña.

Cómpre recordar que, tras a anulación xudicial do convenio asinado en 2001 para o Parque Comarcal e decidida a continuidade do Parque de Bombeiros como local, Xunta e Deputación se comprometeran a asumir -nas proporcións previstas entón- os gastos do remate do edificio de Salgueiriños e os custos do persoal contratado en virtude do mesmo ata o ano 2011, incluído este.

Sanidade e Festas
En materia de Sanidade, acordouse a prórroga do convenio coa Fundación Refuxio de Animais por un ano, a partir do 1 de xaneiro de 2009. En virtude deste acordo, o Concello achegará 170.000 euros para o sostemento dos gastos de funcionamento desta entidade.

A proposta da Concellería de Festas, deuse o visto bo aos gastos do programa de fin de ano e da cabalgata de Reis. O orzamento total é de 89.728 euros, dos que 71.200 van para a programación do 5 de xaneiro e 18.528 para o espectáculo do 31 de decembro.

Educación
No ámbito da Educación, deuse conta por urxencia dunha subvención da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta para as escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Para cada unha delas outórganse 36.289 euros.

Deportes
Finalmente, o Concello autorizou o uso do pavillón do Restollal para un torneo solidario de fútbol sala a realizar durante os días 27 e 28 de decembro, dentro da campaña benéfica "Operación Quilo: un quilo un sorriso". A solicitude foi formulada polas entidades C.D Belvís e Centro Don Bosco. Tamén se autoriza a instalación dun punto de venda de bebidas. O recadado será destinado integramente ao proxecto de alfabetización en Calulo (Angola).

Documentos relacionados



Compartir: