CONSUMO

A OMIC e Sanidade apostan por un consumo responsable e seguro nas festas do Nadal

23/12/2008 O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa a campaña de Nadal dirixida a todos os composteláns para conciencialos dun consumo responsable e seguro nestas datas. Para informar a todos os cidadáns editouse unha guía sobre o xoguete seguro e o consumo responsable.

Nesta guía da OMIC recóllense unha serie de indicacións para aconsellar aos pais e nais á hora de mercar os agasallos de Papa Noel e os Reis Magos. Segundo o concelleiro de Sanidade e Consumo, "os xoguetes teñen un papel importante no desenvolvemento da personalidade dos menores, facilitando o proceso de socialización e o desenvolvemento afectivo, intelectual e a integración social".

Tendo en conta esta descrición de xoguete non é de estrañar que os pais e nais se preocupen por mercar agasallos seguros para os seus fillos. A guía indica que para que os xogos se consideren seguros deben cumprir a normativa legal vixente e realizar un consumo razoable. Por iso, aconséllase mercar xoguetes educativos e que non poñan en perigo a seguridade e saúde dos pequenos.

Un dos aspectos nos que esta guía fai fincapé é na normativa vixente sobre xoguetes. Segundo manifestou Baqueiro, un xoguete debe levar no seu envase o marcado CE, o nome do fabricante, información de uso e montaxe no idioma oficial, ademais de que se é un xoguete perigoso debe aparecer a correspondente advertencia sobre a prevención de riscos.

Pero segundo Baqueiro, para previr riscos, ademais de ter en conta a normativa, os pais e nais tamén deben "ler e seguir as instrucións de uso, revisar cada certo tempo o estado dos xoguetes e comprobar o entorno de xogo".

A guía da OMIC para a campaña de Nadal dirixe os seus esforzos a educar na seguridade, promovendo un consumo responsable no que os pais deben preguntarse antes de mercar: ¿que ten?, ¿que quere? e ¿que necesita?. A continuación, os xoguetes deben ser escollidos con detención, tendo en conta a idade, os gustos e as necesidades e capacidades dos rapaces e por suposto, non esperar ao último día para mercalos.

A favor do medio ambiente
Segundo o responsable da OMIC, Antón Barba, en España fabrícanse 540 toneladas de bolsas de plástico cada día, que moitas veces empregamos como bolsas para a lixo, pero en realidade gastamos moitas máis das que reutilizamos.

Dende os ámbitos político, económico, empresarial e ecoloxista son conscientes da problemática, e cren que é necesario o desenvolvemento de políticas efectivas de prevención das bolsas de plástico. É imprescindible reducir nun 50% en peso o consumo de bolsas desbotables, diminuír o uso de bolsas comerciais e promover as bolsas reutilizables.

Así, desde a OMIC e a Concellaría de Sanidade e Consumo aconsellan que cando se saia da casa para ir ás compras débese levar unha bolsa de tea; que os consumidores insistan nos establecementos que non lles dean bolsas, ademais de suxerir ás asociacións de comerciantes que se poñan de acordo neste tema.

Reclamacións en 2008
O responsable da OMIC, Antón Barba, tamén quixo realizar un balance das reclamacións e informacións que se atenderon na oficina da OMIC en 2008. En total, atendéronse 1.340 solicitudes de información, principalmente sobre electricidade, aluguer de vivenda e telefonía móbil (503 a través do teléfono, 781 de xeito presencial e 56 por fax), a maioría do Concello de Santiago xa que só un 13% das solicitudes de información correspondéronse a outros vilas limítrofes. Pero Antón Barba aclarou que nestas datas descenden xeralmente as reclamacións que se recuperan a partir do día 5 de xaneiro, coincidindo co inicio das rebaixas.

En relación a denuncias, en 2008 rexistráronse 265, das cales 56 se resolveron por mediación da OMIC, 129 foron remitidas á Xunta de Arbitraxe de Consumo, 64 a outros organismos competentes e 16 foron arquivadas.

Ao final do acto, Baqueiro anunciou que se repartirán por todos os centros socioculturais e comercios da cidade a guía de consulta, bolsas de tea e marcapáxinas como medios de consulta e símbolos de fomento do consumo responsable.

Compartir: