EDUCACIÓN

O Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados consolídase tras o éxito da primeira edición

23/12/2008 O Concello e a Editorial Kalandraka convocan o II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados. Tras o éxito da primeira edición, á que se presentaron máis de 300 traballos, o galardón aspira a consolidarse como unha referencia no panorama mundial deste tipo de representación artística e literaria.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a nova convocatoria dun premio que agarda "siga moitos anos". Felicitouse especialmente da dimensión internacional que logrou o galardón, apuntando que "oxalá o nome de Compostela sexa tamén coñecido por este premio".

Pola súa parte, o director-xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, destacou o prestixio que ten logrado o premio entre medios e creadores. Ademais, expresou o seu desexo de que nesta edición se manteña a alta calidade da primeira. Neste sentido, recordou que, ademais do álbum premiado, outros seis traballos participantes foron ou serán publicados a recomendación do xurado. Acompañou ao editor e ao alcalde nesta rolda a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Ata o 28 de febreiro
Enmarcado na IX Campaña de Animación á Lectura, que cada ano organiza a Concellería de Educación, o II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados está dirixido a autores e ilustradores do ámbito internacional.

Poden optar a este premio todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal xeito que ámbolos dous se complementen. As obras poderanse presentar en calquera das linguas oficiais da Península e deberán ser orixinais e inéditas. O prazo de presentación dos traballos remata o 28 de febreiro

O fallo do xurado farase público o 2 de abril de 2009, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O premio será de 12.000 euros, en concepto de adianto polos dereitos de autor. A obra galardoada será publicada en tódalas linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, vasco, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka.

Á primeira edición do premio presentáronse 335 traballos de diversos países europeos e americanos. Entón a premiada foi María Natalia Colombo, de Arxentina, polo traballo titulado Cerca.

A convocatoria enmárcase na Campaña de Animación á Lectura, que as dúas entidades celebran cada ano e que en 2009 cumpre a súa novena edición. As actividades programadas –sesións de contos e música, obradoiros, actos nas librarías, charlas para docentes e familias- chegan a uns 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: