TURISMO

Turismo de Santiago promove en Frankfurt os novos enlaces aéreos con Lavacolla

04/10/2005 A empresa municipal de Turismo participará o día 5 de outubro no evento ‘Entdecken Sie Galicien’, que organiza Turgalicia para presentar as novidades do turismo galego no Zoo Palais da capital financeira alemana.

Dado que Alemaña non só constitúe un dos principais emisores de turismo cara a Santiago de Compostela, senón tamén un dos destinos aéreos incorporados recentemente a lista de voos directos aeroporto de Lavacolla a través de Ryanair e Air Berlín, Turismo de Santiago aproveitará o evento para informar sobre os novos voos que desde novembro comunicarán a Compostela coas principais cidades alemanas.

Como se recordará, Air Berlín e o Concello de Santiago asinaron un acordo para que a partir do 1 de novembro a liña aérea alemana conecte á capital galega con cidades como Berlín, Colonia, Düsseldorf, Hannover, Hamburgo, Munich, Nürenberg, Paderborn/Lippstadt, Stuttgart, Zürich e Viena, a través dun voo diario vía Palma de Mallorca.

Pola súa parte, Ryanair, que xa opera o voo diario Londres-Santiago-Londres, anunciou a posta en marcha dunha segunda liña que tamén desde o 1 de novembro enlazará a Frankfurt e Compostela cunha frecuencia de tres voos semanais.

Presentación audiovisual
Baixo o título de ‘Entdecken Sie Galicien’ (‘Descubre Galicia’), a cea espectáculo organizada por Turgalicia no Zoo-Palais de Frankfurt buscará o mesmo impacto mediático que tivera en Nova York, Londres, París e Milán, nesta oportunidade ante 200 invitados, entre operadores turísticos, personalidades e prensa especializada.

O audiovisual pretende resumir o perfil turístico da Galicia actual, mesturando os elementos tradicionais e modernos máis sobranceiros do destino a través de imaxes proxectadas en catro pantallas xigantes. A cea estará baseada en produtos galegos, con menú da restauradora Toñi Vicente, e será seguida pola actuación do ballet galego Rey de Viana e a Real banda de Gaitas de Ourense.

Na reunión previa cos profesionais do turismo, os representantes composteláns promoverán a imaxe da Cidade do Apóstolo e farán énfase nas vantaxes que ofrece aos viaxeiros alemáns a existencia de 10 novos voos semanais cara a Compostela.

A asistencia ao acto forma parte do plan de comercialización turística de Turismo de Santiago para este outono, que ‘venderá’ a imaxe da cidade en mercados como China e Xapón, e afianzará a súa posición noutros mercados máis maduros, como Alemaña e o Reino Unido, coa colaboración de Turespaña, Turgalicia e o grupo Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas.

Turismo de Santiago volverá a Frankfurt o día 17 de novembro, nunha presentación conxunta co grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas (GCPHE).

Compartir: