ALCALDÍA

O alcalde anima aos composteláns a patinar sobre o xeo no recinto de Amio

19/12/2008 A pista de xeo do recinto feiral de Amio xa está aberta ao público e así permanecerá ata o 25 de xaneiro. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta nova edición, con amplitude de horarios e transporte público para que todos poidan gozar desta actividade.

Os cidadáns teñen á súa disposición unha pista de xeo natural de 40 x 20 metros. Dentro do período de funcionamento só estará pechada os días 24 e 31 de decembro pola tarde e o 25 de decembro e o 1 de xaneiro pola mañá. De domingo a mércores abrirá de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas. De xoves a sábado o horario amplíase, permanecendo aberta de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas.

O prezo é de 5 euros, se ben os abonados ao Multiusos Fontes do Sar ou ao Complexo Deportivo Santa Isabel pagarán a metade. O prezo inclúe o acceso á pista de patinaxe durante unha hora e o aluguer dos patíns.

É obrigatorio o uso de luvas para patinar e os usuarios deberán obedecer ás indicacións feitas polos instrutores. Os que o desexen teñen á súa disposición un servizo de transporte público ao recinto: as liñas C5, C6 de luns a sábado pola mañá e a L1 os sábados tarde, domingos e festivos. Tamén existe a posibilidade de formar grupos organizados (centros escolares, concellos limítrofes, etc). Nese caso deberán enviar un correo electrónico solicitándoo a pistadexeo@multiusos.net.

No Nadal 2007-2008, a participación alcanzou as 17.747 persoas pasaron pola instalación de Amio, dos cales o 16% eran abonados das instalacións deportivas do Multiusos Fontes do Sar ou do C.D. Santa Isabel. No restante 84% estaban incluídos, ademais dos visitantes a título particular, membros de diversos colectivos (clubs de patinaxe, asociacións de veciños...) e rapaces de centros escolares, que asistiron dentro da I Campaña de Iniciación á Patinaxe sobre Xeo. O día de maior afluencia foi o 28 de decembro, cando 1.056 composteláns patinaron sobre o xeo.

Compartir: