ALCALDÍA

O Hórreo aspira a ser o balcón de Compostela

19/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou publicamente o anteproxecto de urbanización sobre o paso inferior do Hórreo que lle vén de presentar á secretaria de Estado de Infraestruturas, Josefina Cruz. A iniciativa, denominada "Balcón de Compostela", pretende transformar a superficie desta zona nun bulevar con mirador.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, "queremos aproveitar a oportunidade de que o tráfico vaia por debaixo, para remodela completamente a superficie e convertelo nun bulevar urbano, aproveitando as vistas que hai dende alí. A intervención suporía dotar á marxe dereita –a carón da estación do tren- dunha beirarrúa de 9 metros de ancho. Na outra marxe quedaría unha beirarrúa de ancho semellante ao actual. Haberá dous carrís de circulación rodada e espazo para paradas de autobuses a ambos lados.

Nas conversas con Fomento, o alcalde expresou o seu desexo de que esta obra poida ser financiada polo Ministerio. Iso dependerá en boa medida de se o investimento a maiores da propia obra do túnel superaría o 20%, o máximo permitido pola Lei. En caso contrario, o investimento tería que someterse ao informe do Consello de Estado. En calquera caso, Sánchez Bugallo manifestou a disposición municipal a participar no financiamento da obra a través dun convenio se fose necesario.

No caso de saír adiante esta proposta para o Hórreo, o Concello encargaría a redacción do proxecto ao equipo de arquitectos que formulou esta idea a título particular.

Ponte do Tambre, terceiro carril do periférico e túnel en Conxo
Na súa xuntanza en Madrid, o alcalde tamén falou coa secretaria de Estado sobre as obras pendentes do convenio asinado en 1995 con Fomento. Realizado o vieiro de Pontepedriña e o cuarto xiro de Cornes, e en marcha o túnel da Galuresa, quedan pendentes a duplicación da ponte do Polígono do Tambre e o terceiro carril da AP-9 no seu paso por Santiago.

No caso da ponte, "o Ministerio pediunos que expropiáramos uns terreos, que cremos non necesarios para executar a obra, pero que si están no proxecto", apuntou Bugallo, quen aclarou que esta expropiación, duns 500 metros cadrados. Así, confía en que en xaneiro Fomento poida licitar esta obra.

Respecto ao terceiro carril do periférico, segundo o alcalde, o Ministerio traballa coa dificultade que supón o cambio da titularidade da empresa concesionaria da AP-9 e coa limitación á hora de negociar o custo da obra que implica a concesión ata o ano 2048. Paralelamente a estas negociacións, Fomento deberá confirmar que esta obra (que afectaría tamén a outros tramos da AP-9 en Galicia, como a ponte de Rande) non necesita un novo estudo de impacto ambiental, e encargar logo a redacción do proxecto de execución material.

Unha terceira obra non prevista no convenio, pero que se vai realizar, é a novo túnel baixo a rotonda de Conxo, que suporá un investimento de 6,6 millóns de euros. O alcalde agarda que esta obra se poda licitar ao longo de 2009.

Proxectos para o fondo extraordinario
Na súa rolda de prensa dos venres, o alcalde tamén falou do listado de proxectos que se acometerán con cargo ao fondo extraordinario de investimento público habilitado polo Goberno Central. Lembrou que se trata de "obras non previstas en convenios ou en actuacións doutras administracións, nin nos orzamentos municipais".

Sobre os prazos, indicou que o 24 de xaneiro deben estar listos os proxectos, licitados en abril e rematados antes de marzo de 2010. Estes prazos son os que condicionaron a elección duns proxectos que non implican "dificultades de xestión" como poden ser as expropiacións. En calquera caso –aclarou Sánchez Bugallo, "temos dous ou tres proxectos en reserva por se algún dos previstos non puidera concretarse.

Sobre o impacto do fondo, afirmou que se trata dunha "axuda moi relevante e oxalá se mantivera algúns anos máis". "Seguramente hai outros proxectos merecedores tamén de levarse adiante, pero os 16,5 millóns dan para o que dan", engadiu.

Ampliación excepcional de horarios
Sobre a ampliación do horario de peche dos locais nocturnos durante o Nadal, o alcalde explicou que esta é unha "medida experimental nun tempo acoutado, que nos permitirá ver se esta prolongación de horario trae consigo unha minoración do botellón". Pasado o 7 de xaneiro, os horarios volverán a ser os mesmos.

Sánchez Bugallo apuntou que a Consellería de Presidencia lle solicitou ao Concello o seu informe sobre esta posibilidade solicitada por unha agrupación de locais. Malia que o Concello a autorizou co devandito carácter experimental, co que non está de acordo o alcalde é que esa ampliación de horario se permita a uns locais e a outros non. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, conversará con Presidencia para aclarar este punto.

Plenos municipais
Finalmente, o alcalde anunciou que o Pleno ordinario do mes de decembro se celebrará o martes 23 de decembro. Este non terá na orde do día a aprobación dos orzamentos, que quedará para un Pleno extraordinario previsto para o 9 de xaneiro.

Documentos relacionados



Compartir: