EDUCACIÓN

"Troularte" leva obradoiros e xogos ás escolas rurais

18/12/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou unha nova edición de Troularte, o plan de dinamización das escolas rurais de Compostela. Desenvolverase durante o que queda de curso, ata o mes de maio.

O colectivo Xandobela encárgase de por en marcha esta ludoteca, na que participarán uns 120 rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Todos eles terán acceso a unha alternativa de lecer diferente desenvolvida cunha metodoloxía participativa e construtiva, activa e flexible.

Os rapaces poderán participar en diversos obradoiros de contidos artístico e creativo, xogos populares, sesións de animación á lectura, actividades predeportivas ou outras destinadas a crear hábitos axeitados de alimentación. Cada mes, as actividades enmarcaranse nunha temática particular: Outro Nadal é posible (Nadal), Nai natura (xaneiro), Tribos do mundo (febreiro), Entre fogóns (marzo), Galicia, o país das marabillas (abril) e As letras (maio).

Troularte chegará ás escolas de A Susana-Marrozos, Sisto-Marrozos, Gaioso-O Eixo, O Rial-Laraño e Rodríguez Xixirei. Tamén haberá actividades en Roxos-Villestro, xa que, malia non funcionar xa a escola, quíxose atender a demanda existente

Compartir: