ALCALDÍA

O Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, no Concello

18/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao Premio Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, que asinou no Libro de Honra da Cidade. O científico está en Santiago para participar no programa ConCiencia, organizado pola USC en colaboración co Consorcio e a Fundación Caixa Galicia.

O químico norteamericano é o segundo Nobel que visita a cidade na mesma semana, tras o paso do Nobel de Física Gerardus ‘t Hooft. Antes da recepción en Raxoi explicou os detalles da súa estancia nunha rolda de prensa e visitou a Facultade de Química. Xa pola tarde, tras ser recibido polo reitor da USC, Senén Barro, tiña previsto impartir no Centro Sociocultural de Caixa Galicia unha conferencia baixo o título "Como encontrar algo novo".

Karl Barry Sharpless foi premiado co Nobel polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas, claves para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.

Compartir: