CULTURA

"Nadal Cultural" ofrece maxia, teatro, obradoiros, música e cinema para todas as idades

18/12/2008 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Elvira Cienfuegos, presentou o programa Nadal Cultural, que encherá a cidade de actividades lúdicas e culturais para toda a familia. A programación iniciouse o 12 de decembro e prolongarase ata o 5 de xaneiro de 2009.

Cienfuegos sinalou o carácter interxeracional das actividades do Nadal Cultural, que propician a implicación de pequenos e maiores en actividades culturais e de lecer. Asemade, destaca a variedade das propostas que van dende os obradoiros propios do Nadal, ata os concertos de música tradicional ou coral, as obras de teatro ou as proxeccións de cinema.

Primeiro, Elvira Cienfuegos sinalou a presenza de actividades propias destas datas como os obradoiros de ornamentación, os centros florais, a preparación de turróns ou un curso de cociña de Nadal para tempos de crise, especialmente acaído nos tempos que vivimos. Ademais, os paxes reais visitarán os centros e locais socioculturais da cidade a partires do venres 19.

Ademais desenvolverase en varios centros socioculturais o programa Nadal Máxico, coa visita dalgúns dos mellores ilusionistas de Galicia aos barrios de Villestro, Figueiras ou Marrozos. Por outra banda, no CSC das Fontiñas desenvolverase un ciclo de cinema no que se proxectarán filmes propios desta época do ano aptos para todas as idades como It's a wonderful life, de Frank Capra, Shereketefeliz Nadal ou a peza galega de animación O espírito do bosque.

Teatro infantil e Festa Cultural do Nadal
As artes escénicas acadan unha importancia central no Nadal Cultural, con seis funcións teatrais para toda a familia que se van celebrar no Teatro Principal do 23 ao 30 decembro. O programa teatral iníciase o día 23 coa compañía portuguesa Teatro Regional da Serra do Montemuro, que porá en escena Qaribó, de Abel Neves. Os días 26 e 27 a compañía galega Quinquilláns representa O mago de Oz, namentres que Berrobambán Teatro levará o seu Boas Noites ao Teatro Principal o domingo 28. Para rematar, o 29 e o 30 de decembro Disque Danza porá en escena Menú vexetal (dáme verde).

Elvira Cienfuegos destacou a vontade da Concellaría que dirixe de promover o consumo responsable nestas datas así como a reflexión arredor do comercio xusto. Esta é unha razóns que moven a Festa Cultural do Nadal, que se vai celebrar o sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia, que terá casetas informativas das asociacións Amarante e Panxea. Nesta xornada poderase gozar de concertos didácticos, obradoiros, monicreques e cancións para compartir.

Documentos relacionados



Compartir: