RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello celebra co barrio das Fontiñas o recoñecemento á súa integración

18/12/2008 Baixo o lema "As Fontiñas, un barrio a imitar", o Concello de Santiago organiza un acto lúdico para celebrar a recente concesión do premio europeo de arquitectura Philippe Rothier 2008 ao deseño urbano deste barrio.

A festa celebrarase o sábado 20 ás 17:00 horas. Comezará cunha actuación de hip hop xunto ao muro do IES Antón Fraguas, onde se descubrirá un graffiti conmemorativo que intenta reflectir o espírito integrador do barrio, e continuará na carpa instalada fronte a Área Central. Os detalles da festa explicáronos o concelleiro de Infraestruturas e Relacións Veciñais, Bernardino Rama, e o presidente da Asociación de Veciños das Fontiñas, Luis Meijide.

Lembrou Rama que o de Fontiñas é "o primeiro gran barrio de vivenda de protección oficial realizado en Galicia". Un exemplo de barrio que segue a medrar e incorporar novos servizos. Así, referiuse a próxima posta en marcha da Ludoteca no primeiro trimestre de 2009, ao inicio das obras do pavillón polideportivo e á inminente remodelación da rúa Londres, que continuará a realizada na rúa Berlín. Tamén se está a traballar no tratamento ou supresión das especies de árbores que provocan o levantamento das beirarrúas ou invaden as canalizacións.

Cos mellores desexos
Os veciños e visitantes que acudan ao acto poderán ver unha reportaxe realizada para a ocasión, que fai un percorrido polos lugares máis emblemáticos das Fontiñas e recolle os desexos de futuro dalgúns dos seus habitantes.

A música de Alfaia, a danza de Iria a Feiticeira, as pequenas alumnas de ballet do Centro Sociocultural das Fontiñas, e a arte de Kamelamos Guinar sorprenderán ao público asistente. Entre actuación e actuación expresarán os seus mellores desexos para o barrio autoridades e forzas vivas deste barrio tan especial. Ao remate, o cofre dos desexos será soterrado baixo un castiñeiro, como unha pequena cerimonia simbólica para que os anhelos alí gardados xermolen e se cumpran.

Un prestixioso premio
O Concello de Santiago recolleu o pasado mes de outubro en Bruxelas o Premio Europeo Philippe Rotthier 2008, concedido a Santiago en recoñecemento á Mellor Calidade de Ampliación da Cidade nos últimos 25 anos.
O galardón valora concretamente a calidade do crecemento do polígono das Fontiñas. Este barrio foi elixido con outros 87 barrios urbanos europeos para a final, que están a ser expostos na Fundación para Arquitectura ata finais de ano, e serán recollidos nun amplo catálogo.

O Premio Europeo Philippe Rotthier para a Reconstrución da Cidade está organizado pola Fundación para a Arquitectura, con sede en Bruxelas, xunto con Unha Visión de Europa e a Universidade de Ferrara. O premio Rotthier súmase aos múltiples galardóns obtidos por Santiago, unha das cidades máis laureadas de España e de Europa.

Barrio con calidade de vida
Fontiñas é un dos maiores barrios da cidade, con case catro mil vivendas – o 90% protexidas-, e cun inxente número de residentes que está arredor dos 11.000 e que vai en aumento. Grazas á construción deste polígono, a principios dos anos 90, unha das zonas esquecidas da cidade pasou a converterse nunha nova zona residencial que hoxe conta con todos os servizos: escola infantil municipal, colexio, ludoteca, instituto, centro de saúde, centro sociocultural, equipamentos deportivos, parques e unha gran área comercial. Ademais, nos últimos meses púxose en marcha o primeiro carril bici da cidade.

O futuro do barrio pasa agora por estender esta reurbanización a outras rúas do polígono, diminuíndo o espazo rodado en favor da superficie peonil e ciclista, e construír ademais un polideportivo cuberto, que contará cun rocódromo.

Outro dos grandes proxectos para o barrio é a urbanización do polígono 4, que contempla a conservación do antigo núcleo de Cotaredo, con vivendas e hortas; ademais da construción dun macroaparcamento subterráneo demais de trescentas prazas. Dentro do proxecto figura tamén a construción dun lago artificial -aproveitando o humidal que hai na zona- que converterá a Fontiñas nun dos espazos máis innovadores e atractivos da zona norte de Santiago. Esta área recreativa, con máis de sete mil metros cadrados, disporá de mobiliario urbano, zonas arboradas, instalacións para xogos infantís e fontes.

Documentos relacionados



Compartir: