ALCALDÍA

O alcalde fala sobre o futuro da cidade

17/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo ofreceu unha conferencia no Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela.

Na súa exposición, o alcalde fixo unha repaso da xestión realizada á fronte do goberno da cidade durante os últimos 20 anos, e abordou as estratexias de cara ao futuro. Sánchez Bugallo asegurou que "os plans xerais, o do 99 e o actual, son os instrumentos necesarios para entender o Santiago que hoxe coñecemos".

O alcalde afirmou que "neste momento de crise inmobiliaria, somos a cidade mellor preparada de España para soportar a situación do sector". Na actualidade o 80 % da vivenda que se constrúe en Santiago faise en polígonos promovidos e xestionados polo propio Concello. "En medio da crise, a compravenda de vivendas en Compostela subiu un 12% -afirmou- e os expertos ven no mercado inmobiliario da cidade unha situación distinta e mellor que no resto de Galicia e de España. A crise internacional sorpréndenos, polo tanto, coas finanzas municipais en bo estado o que nos vai permitir seguir facendo fronte ó gasto corrente e ás inversións necesarias sen sobresaltos". A tal efecto, salientou que "o apoio e a colaboración do Goberno Central manifestado na aprobación dun programa extraordinario de investimento que nos permitirá elevar ata cincuenta millóns de euro a cantidade dispoñible para o ano 2009".

No plano das infraestruturas viarias, Sánchez Bugallo falou do PXOM como ferramenta para completar a rede de comunicacións, e converter a Santiago no eixo vertebrador da comunidade ao situarse como estación central do tren de alta velocidade, potenciando os servizos do aeroporto internacional de Lavacolla, pechando as comunicación por autovías coa meseta, Asturias e Portugal e axilizando as comunicacións coa comarca e o resto de Galicia.

Tamén afondou na aposta polo solo empresarial e anunciou que "acadaremos máis de catro millóns de metros cadrados de usos empresariais neste mandato e xa van máis de dez mil empresas instaladas en Compostela no pasado ano, o que nos situá á cabeza das cidades galegas neste eido e consolida a Santiago de Compostela como a terceira área industrial e comercial de Galicia".

Como proxectos estratéxicos de primeira magnitude destacou a Cidade da Cultura, a nova terminal do aeroporto de Lavacolla, a chegada do AVE, as infraestruturas de acceso, a rede interna da cidade, a mobilidade, a rehabilitación e mellora da calidade urbana.

Con respecto á Cidade da Cultura dixo que "o noso reto é que teña éxito para toda Galicia e que alcance proxección internacional". Coa inauguración dos catros primeiros edificios, o vindeiro ano ese gran complexo cultural comezará a formar parte da vida da cidade e do seu atractivo. O rexedor compostelán engadiu que "desde o Concello continuaremos o proceso integrador no tecido urbano coas actuacións previstas no seu contorno, nas Brañas do Sar, e coa proposta de conexión mediante liñas teleféricas".

Ademais mostrouse convencido de que "a nova terminal de Lavacolla debe ser e será unha realidade no 2011", e de que a "nova estación intermodal modificará totalmente o funcionamento e a fisionomía da cidade".

Por último, dixo que o Ano Santo do 2010 volve representar "un reto ao que chegamos coa bagaxe dunha gran experiencia e ofrece a oportunidade de consolidar canto vimos facendo e traballando como faremos de cara Exposición Universal Xangai 2010", á que Santiago foi convidado para participar cun espazo propio na área de exhibición das "Mellores Prácticas Urbanas" co lema "Mellor cidade, mellor vida".

Compartir: