TURISMO

Turismo de Santiago organiza unha cata da D.O. Ribeiro con Porco Celta

17/12/2008 O sábado 20 de decembro, Turismo de Santiago organiza, dentro do programa Santiago Repetirás, unha cata de viños da D.O. Ribeiro maridados con embutidos de Porco Celta e un taller gastronómico para nenos. Ambas actividades desenvolveranse no Parador Hostal dos Reis Católicos, ás 18:00 horas.

Entre as 18:00 e as 20:00 horas celébrase unha cata guiada de viños maridados con produtos galegos. Un sumiller e un experto en Porco Celta comentarán as características e combinación dos viños da D.O. Ribeiro con embutidos desta raza autóctona de porco, que está en proceso de recuperación. O prezo da actividade é de cinco euros e hai 40 prazas dispoñibles.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poden participar nun taller gastronómico para nenos, no que se achegarán ao espírito destas datas cociñando mazapán. Por cinco euros, un máximo de 30 pequenos aprenderán de xeito divertido hábitos alimenticios saudables da man de tres monitores especializados. Deste xeito pais e fillos poden participar nunha actividade deseñada á súa medida.

Con estas actividades a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten por obxectivo converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Os talleres están abertos tanto aos visitantes como aos veciños e veciñas de Santiago, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Os seguintes talleres de Santiago Repetirás terán lugar o sábado 17 de xaneiro de 2009, cunha nova cata guiada que estará protagonizada polos viños da D.O. Valdeorras maridados con queixos D.O. Arzúa-Ulloa e cun novo taller gastronómico para nenos.

Durante todo o mes de decembro os veciños de Compostela e todos aqueles que nos visiten poden continuar gozando dos Menús e Tapas da Cociña do Outono durante as fins de semana. 35 bares e restaurantes da cidade ofrecen pratos preparados en base a produtos típicos desta estación como caza ou cogomelos. Na oficina de Turismo de Santiago ou nos estabelecementos adheridos pódese solicitar unha Guía Gastronómica cunha relación dos participantes e a súa oferta culinaria. En 2009 esta oferta será substituída por Menús e Tapas de Cociña de Inverno, baseados en caldos, guisos...

Documentos relacionados



Compartir: