SANIDADE

O Concello e FEBE renovan o convenio para promover un consumo responsable de bebidas con alcohol

17/12/2008 Un renovado acordo entre o Concello e a Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE) permitirá realizar diversas iniciativas encamiñadas a promover a responsabilidade e a moderación no consumo de bebidas con contido alcohólico. O convenio asinárono en Raxoi o concelleiro de Sanidade, Xosé Baqueiro, e o director executivo da FEBE, Jaime Gil-Robles.

O Concello vén desenvolvendo dende 1998 un programa de control da calidade de bebidas espirituosas que se serven nos pubs, discotecas e bares da cidade. Esta medida atende á demanda cidadá dun control das autoridades na distribución de bebidas alcohólicas, tanto dende o punto de vista sanitario como de consumo. O primeiro convenio de colaboración entre o Concello e a FEBE asinouse en 2002. Agora, renóvase ese compromiso.

O acordo, cunha duración de dous anos prorrogables, recolle varios aspectos que se desenvolverán de forma prioritaria. Un deles é o desenvolvemento dun Plan Municipal de Ocio Nocturno para fomentar a responsabilidade e a moderación no consumo, coa promoción de campañas de hábitos saudables.

Neste marco fomentarase un ocio de calidade. Así, mediante o programa Ti serves, ti decides, dirixido aos profesionais da hostalería, a FEBE promove activamente a responsabilidade no servizo de bebidas alcohólicas. Recordou Jaime Gil-Robles que as estatísticas din que "só o 3,4% da poboación fai un consumo non responsable".

Condutor alternativo e control da publicidade
Tamén se promoverá a figura do condutor alternativo a través do programa Os noc-turnos. Esta iniciativa pretende fomentar unha actitude de responsabilidade entre os mozos, como é o feito de elixir dentro do grupo de amigos un condutor alternativo, aquel condutor que non bebe e conduce. Grazas a esta iniciativa o condutor responsable pode consumir gratis refrescos durante a noite e, ao final da mesma e tras pasar catro controis, recibe un vale de 20 euros para gasolina.

Outro grupo de medidas diríxese á vixilancia e control das mensaxes publicitarias, a través do desenvolvemento de ferramentas eficaces de autorregulación publicitaria. As devanditas iniciativas pretenden contribuír á protección dos menores e evitar a incitación a un consumo inapropiado das bebidas cun contido alcohólico.

Ademais, traballarase na persecución e control do fraude ao consumidor. Nesta dirección, o Concello fará as xestións necesarias para facilitar as infraestruturas para o desenvolvemento do programa e para difundir as actividades. Neste marco, realizaranse un ano mais controis nas bebidas servidas aos consumidores. Lembrou o concelleiro de Sanidade que nas probas realizadas ata o momento non se detectou ningún caso de bebida fraudulenta.

Servizo responsable de bebidas con contido alcohólico
A primeira acción que se realizará no marco deste convenio contará coa colaboración dos profesionais e empresarios da Asociación Cultural Cidade Vella, da Asociación de Hostalería de Compostela e da Asociación de Hostalería Nocturna da cidade. Estes profesionais recibirán formación para promover a responsabilidade no consumo de bebidas alcohólicas a través do programa Ti serves, ti decides. Representantes destas asociacións estiveron tamén na rolda de prensa.

Será a primeira vez que este programa se desenvolva enfocado cara ao casco histórico da cidade. A través do mesmo, os formadores da FEBE darán a coñecer aos profesionais e empresarios das empresas de ocio de Santiago métodos para promover a inxesta responsable de alcohol entre os seus clientes, así como o non consumo en colectivos de risco, como menores e condutores. O obxectivo é evitar problemas asociados ao consumo indebido de bebidas alcohólicas á vez que se axuda á prosperidade do negocio.

As actividades iniciaranse o día 17 de decembro cun primeiro curso de formación dirixido a encargados e camareiros das empresas de ocio das asociacións anteriormente mencionadas. Trátase, en palabras de Jaime Gil-Robles, de ensinar habilidades que permitan evitar conflitos en supostos tan habituais como averiguar a idade dun consumidor novo ou non servir a unha persoa ebria.

Compartir: