NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello promove o uso do galego tamén no Nadal

17/12/2008 A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou no Pazo de Raxoi unha nova edición das campañas Carta aos Reis Magos e Para vivir un Nadal en galego, dirixidas a promover o uso do galego nos centros educativos e nos comercios.

A primeira campaña, Carta aos Reis Magos, achega aos centros escolares un modelo de carta en galego aos Reis Magos, así como o material didáctico para realizala.

Por unha parte, os mestres recibirán unha proposta de actividades para traballar a carta dende unha perspectiva lúdica, divertida e educativa. Así, realizaranse actividades como escribir a carta, adornala, escribir un poema, facer unha carta entre toda a aula ou responder a unha enquisa. Doutra parte, os rapaces recibirán unha unidade didáctica para facer os exercicios relacionados co tema e, por suposto, o modelo de carta, da que se repartirán 10.000 unidades.

A concelleira demandou dos mestres "un tempiño para realizar estas actividades" nas aulas. Trátase de que, nun tempo de afán consumista no que os rapaces piden todos os seus agasallos, reflexionen tamén un pouco, segundo dixo.

Agasallos na nosa lingua
Para vivir un Nadal en galego diríxese aos comerciantes da cidade co fin de facelos partícipes da extensión da nosa lingua no ámbito de traballo. Con este obxectivo repartiranse 8.000 etiquetas decorativas para adherir aos paquetes de agasallo. "Parabéns", "Cos meus mellores desexos", "Un bico forte" ou "De alguén que te quere" son algúns dos lemas dos adhesivos.

Compartir: