EDUCACIÓN E MOCIDADE

Fernando Palacios impartirá un obradoiro dirixido ao profesorado de música

10/10/2005 O curso, cunha duración de tres días, conta co recoñecemento da Consellería de Educación da Xunta e ten o obxectivo de dotar aos profesionais e profesorado que queiran complementar a súa formación musical ou escénica con coñecementos sobre técnicas de presentación de concertos didácticos.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou un obradoiro dirixido ao profesorado de música, e que terá lugar os días 8, 9 e 10 de novembro en horario de 17 a 21 horas. Trátase do curso "Presentar os concertos didácticos", que impartirá o especialista en pedagoxía musical Fernando Palacios.

Os obxectivos do obradoiro son que o profesorado e os profesionais que desexen adquirir unha formación específica sobre as técnicas de presentación de concertos didácticos coñezan os recursos didácticos, traballándoos para a súa posterior aplicación na aula. Así, entre os contidos do curso atópanse os criterios básicos de organización e funcionamento, a tipoloxía dos concertos, a presentación, o conto musical, o concerto con explicacións, o guión dun concerto e un apartado práctico coas versións "karaoke" da colección La mota de polvo.

O curso, que se impartirá na Escola Municipal de Música de Santiago (Rúa Betanzos 55 - A Almáciga), conta co recoñecemento da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, e a el terán acceso 35 persoas. Custa 30 euros. As prazas asignaranse por rigurosa orde de chegada, e o prazo de inscrición remata o 4 de novembro.

Por outra banda, un día despois do remate do curso, o 11 de novembro, Fernando Palacios impartirá unha conferencia "O castelo dos destinos cruzados", dirixida a estudantes, profesores, músicos, pais e nais, ás 19 horas na Escola Municipal de Música.

Fernando Palacios
En 1992 a Orquestra Filarmónica de Gran Canaria encargou a Fernando Palacios a posta en marcha do seu Departamento Educativo coa fin de investigar novas maneiras de achegar a música a outros públicos. Ao éxito das súas propostas uníronse outras organizacións musicais ata extenderse por España e Latinoamérica. A editorial AgrupArte qixo tamén sumarse a esta "revolución", editando a súa colección de disco-libros A mota de pó. Eles son os causantes do cambio producido nestes últimos anos no seo dos espectáculos e edicións musicais para nenos.

Fernando Palacios puido acometer este traballo gracias á súa variada formación e ás actividades complementarias que desempeñou: profesor de Pedagoxía Musical; creador de grupos musicais dispares; intérprete de música antiga; director e presentador de programas de radio e televisión (Música sobre a marcha, Son e Oído, Tira de música, e actualmente realiza en Radio Clásica As cousas de Palacios); compositor de obras de concerto (Fulgor na cochambre, Pianocócteles, Variacións Estigma), de músicas incidentais (Mañáns de abril e maio, Ínfimo) e de espectáculos multimedia (O silencio das sereas, Música con calquera cousa); articulista e escritor de libros de recursos (Artiluxios e instrumentos para facer música, Pezas gráficas para a Educación Musical, Escoitar, As óperas do Real e A brúxula ao oído); e profesor en Universidades, Escolas de Música e Centros de Profesores.

Unha importante parcela da súa creación está adicada a nenos e mozos: A mota de pó, Modelos para armar, As baquetas de Javier, Xogos de cámara, Suite O Termómetro, Tuve tuba por un tubo, Insectos infectos, Mamíferos mortíferos, Álbum de músicas probables, e as óperas para todos os públicos O Planeta Analfabia e A ópera dos sentidos.

Compartir: