ALCALDÍA

O alcalde compostelán asistiu á Comisión Executiva das Cidades Patrimonio de España

15/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu en Segovia á Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Na xuntanza tratáronse temas relativos á accesibilidade nas cidades patrimonio, á despoboación dos cascos históricos ou ao desenvolvemento económico dos mesmos a través da recuperación e posta en valor do patrimonio e a proxección socioeconómica do lugar.

Nesta sesión executiva tamén se tratou o asunto da protección contra incendios nos conxuntos históricos, que se completará cun simulacro no propio Alcázar de Segovia o martes 16, a partir das 11.30 horas.

Este evento, organizado polo Ministerio de Cultura e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, contará coa participación de case 300 persoas, entre bombeiros das cidades do Grupo, efectivos do Corpo Nacional de Policía e da Policía Local de Segovia, persoal sanitario e responsables do Padroado do Alcázar de Segovia, da Academia de Artillería e Arquivo Militar do Miniterio de Defensa, e do Ministerio de Cultura, así como os voluntarios que o desexen. Así mesmo, os visitantes que mañá se acheguen ata o Alcázar poderán participar como figurantes.

A Comisión de Prevención de Incendios e Protección Civil das Cidades Patrimonio da Humanidade segue a traballar na formación dos seus técnicos e dos seus grupos de emerxencia para posibles sinistros nas súas construcións de especial interés e así salvar tanto a súa estrutura como os obxectos de valor que poida haber no seu interior.

Como tal, o acto organizado supón que ten lugar unha explosión neste edificio histórico que dá orixe a varias situacións. No interior do Alcázar, terá lugar un rescate en altura, apeos e apuntalamentos, rescate de vítimas atrapadas, evacuación de público, extinción de incendios, evacuación de fumes e protección de obras de arte e de documentos do Archivo Militar, todo elo en diversos puntos do edificio.

Así mesmo, terá lugar unha serie de actuacións no exterior do Alcázar, concretamente a ubicación dunha zona de recepción de evacuados, dunha área sanitaria, dun espazo para as obras de arte, dun depósito para os documentos do Arquivo Militar, dunha zona de coordinación, dun espazo para os equipos de intervención e dun viario noria de ambulancias e camións para a evacuación das obras de arte e os documentos.

Compartir: