CULTURA

As poesías galega e portuguesa únense nun singular acto teatral na Zona "C"

11/12/2008 Coa palabra na lingua. Concerto en dúas linguas para dous actores e un músico é o título da primeira produción da nova compañía compostelá Teatro Nu. A estrea terá lugar na Zona "C" os días 11 e 12 de decembro, ás 21:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

A concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, presentou a Teatro Nu e a súa primeira representación, definida polos creadores como un percorrido emocional pola poesía portuguesa e galega, unificadas no acto teatral. Segundo din, desde os poetas de inicios do século XX até os de hoxe, a palabra e a palavra discorren polo corpo e pola voz dos dous intérpretes da peza, neste caso Mónica Camaño e Zé Paredes, que acompañaron á concelleira na presentación. O acompañamento musical en directo corre a cargo de Anxo Graña.

As distintas voces dos e das poetas, van tecendo un entramado de pequenas historias, pequenas vidas, recordos ou sensacións nacidas da mente creativa de distintos creadores. Fernando Pessoa, Álvaro Cunqueiro, Ary dos Santos, Avilés de Taramancos, Marta Dacosta, António José Forte, Chus Pato, Mª Teresa Horta, X. L. Méndez Ferrín ou Ana Romani son só algúns dos creadores que achegan as súas poesías a este espectáculo.

Outra forma de facer
Segundo sinalou Zé Paredes, Teatro Nu nace coa intención de achegar "outras formas, de buscar e non só contar historias". Un teatro que se sitúa "dentro da realidade social e teatral específico" de Galicia.

Esta nova compañía –din- sobrevén da necesidade vital como facedores de teatro e da certeza de que hai espazo para unha nova creación, con horizontes e orientación estética ben definidas: "Queremos un teatro para a sociedade, un espello diante do que se sacan as impurezas. Non queremos facer da nosa actividade, unha actividade económica sen máis, non queremos vender entretemento, queremos facer teatro. Por iso estamos nus".

Compartir: