TURISMO

Beatriz Sotelo ensina arte gastronómica en "Santiago Repetirás"

10/12/2008 Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A Estación de Cambre, será a encargada de conducir a segunda sesión de "Merco e cociño con..." o sábado 13 de decembro. Este innovador taller, enmarcado dentro das actividades do programa gastronómico Santiago Repetirás, desenvolvido por Turismo de Santiago, descobre aos asistentes como é un día na vida dun cociñeiro, dende a compra do produto ata a súa conversión nun elaborado menú.

Ás 10 da mañá dará comezo o taller, coa visita ao tradicional Mercado de Abastos para realizar a compra seguindo o consello de Beatriz Sotelo. A continuación os 15 asistentes regresarán ao Hostal dos Reis Católicos, onde a experta cociñeira lles ensinará a preparar un menú de tempada cos produtos que teñan adquirido. O prezo da actividade é de 20 euros e os participantes rematarán degustando os pratos elaborados.

Beatriz Sotelo, xunto a Xoán Manuel Crujeiras, encárgase da cociña do restaurante A Estación (Cambre). Con só 26 anos foi a primeira muller gañadora do concurso estatal "Cocinero del Año" en 2008. Entre os seus mestres está Marcelo Tejedor. Precisamente Marcelo Tejedor será o seguinte cociñeiro en participar no próximo "Merco e Cociño con…", que terá lugar o día 24 de xaneiro. Beatriz é a única muller membro do Grupo Nove, grupo de referencia na cociña moderna galega. Beatriz valora o produto como parte fundamental da cociña e entusiásmalle traballar con produtos de tempada.

Con Santiago Repetirás a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten por obxectivo converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. As actividades están dirixidas tanto ás persoas que nos visitan como aos composteláns, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

O programa Santiago Repetirás complétase cos Menús e Tapas da Cociña do Outono que ofrecen 36 estabelecementos da cidade todas as fins de semana ata final de 2008, preparados en base a produtos típicos desta estación como caza, cogomelos... Na oficina de Turismo de Santiago ou nos estabelecementos adheridos pódese solicitar unha Guía Gastronómica cunha relación dos participantes e a súa oferta culinaria, que no mes de xaneiro de 2009 se verá substituída por Menús e Tapas de Cociña de Inverno. As actividades continuarán o sábado 20 de decembro cunha cata de viños da D.O. Ribeiro maridados con Porco Celta e un taller de cociña de Nadal para nenos.

Compartir: