PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha planta de compostaxe e un centro de beleza gañan o Concurso de Novas Ideas Empresariais

10/12/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os seis proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2008. Son Compostela Inserta Empresa de Inserción, OnTouch Nueva Tecnología Publicitaria, Comarca 54; Xinoé Centro de Beleza, C&B Asociados Consultoría Laboral Fiscal e Contable e Perruquería Karibú. Ao certame presentáronse 27 solicitudes.

O concurso, que conta cun orzamento de 28.000 euros, está dividido en tres modalidades. En Novas ideas empresariais edición xeral presentáronse 15 solicitudes. En primeiro lugar clasificouse o proxecto Compostela Inserta Empresa de Inserción, unha planta de compostaxe de refugallos orgánicos de orixe vexetal, na que se vai producir, para a súa comercialización, compost e outros productos derivados. Inicialmente prevé a creación de oito postos de traballo, contribuíndo á inserción de colectivos en risco de exclusión. En segundo lugar quedou OnTouch Nueva Tecnología Publicitaria, e en terceiro lugar Comarca 54.

Na modalidade de Novas ideas empresariais promovidas por mulleres presentáronse 12 solicitudes. O proxecto empresarial gañador foi Xinoé Centro de Beleza, seguido de C&B Asociados Consultoría Laboral Fiscal e Contable, e de Perruquería Karibú. Xinoé é un proxecto que ten beneficios dende o primeiro ano. É basicamente unha iniciativa de autoemprego, aínda que prevé a contratación de dúas persoas no segundo e terceiro ano de vida. Ten un plan de conciliación de vida laboral e familiar.

A terceira modalidade, Novas ideas empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional quedou deserta. En cada unha das duas primeiras modalidades establecéronse tres premios en metálico: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 euros e o terceiro de 3.000 euros. Para a modalidade de FP había un único premio de 4.000 euros.

Os proxectos gañadores foron seleccionados por unha comisión de expertos que valorou as 27 solicitudes que se presentaron ao certame. A avaliación realizouse en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorou a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

Compartir: