CULTURA

Nut Teatro representa no Principal "A mirada de Pier"

10/12/2008 Os días 11, 12 e 13 de decembro representarase no Teatro Principal A mirada de Pier, peza teatral que a compañía Nut Teatro. O espectáculo foi presentado en Raxoi pola concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, e o director da obra, Carlos Neira.

Na presentación destas representacións, a concelleira de Cultura, Elvira Cienfuegos, destacou o dinamismo da compañía que, dende a súa formación en 2007, levou a escena tres creacións escénicas: Corpos disidentes, 4.48 Psicose e A mirada de Pier.

O director da compañía, Carlos Neira, definiu a posta en escena que se vai realizar no Teatro Principal como unha "revisión da obra orixinal, pois para Nut Teatro o feito contemporáneo nas artes escénicas consiste en renovar continuamente cada peza". Así, o día da estrea de A mirada de Pier foi cando a obra comezou a se facer e, en cada representación foi medrando e modificándose. Deste xeito, "aqueles espectadores que asistiran á súa estrea poden volvela ver, pois atoparán algo diferente ao que a obra era hai un ano", sinalou Neira.

A peza sitúase nun espazo escénico sonoro e lumínico, no que Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar protagonizan unha historia de ficción inzada de clixés e estereotipos sobre o desexo, destacando os conflitos que xera ao tempo que os despersonalizan e universalizan.

Unha obra corporal sobre o desexo
O punto de partida deste espectáculo é a historia duns zapatos de tacón. Unha muller descobre os fíos do desexo a través duns zapatos que só se poden mercar en París. Ela encóntrase cunha nova dimensión do desexo e agora só lle queda penetrar nel.

En A mirada de Pier afóndase na desexualización e deconstrución do pracer, tentando sondealo e descubrir nesa busca novas e imprevistas posibilidades. Estas novas oportunidades de pracer xorden de certas partes inusitadas do corpo e de certas prácticas e circunstancias nada convencionais, que se enfrontan dalgún modo ás dominantes.

A mirada de Pier representarase no Teatro Principal o xoves 11, o vernes 12 e o sábado 13 de decembro, ás 21:00 horas. As entradas pódense adquirir na billeteira do propio Teatro o mesmo día da sesión de 12:30 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, ou anticipada en www.caixagalicia.es.

Compartir: