PLENO

O Pleno ratifica as ordenanzas fiscais para o ano 2009

10/12/2008 Tras rexeitar o grupo de Goberno as alegacións presentadas polo PP e por unha compañía de telecomunicacións, o Pleno aprobou definitivamente as ordenanzas fiscais para o ano 2009. Cómpre recordar entre o máis salientable a conxelación da taxa do lixo, unha nova taxa para as empresas de telefonía móbil e a actualización das demais segundo o IPC.

O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, foi o encargado de explicar novamente os aspectos máis destacados para 2009 e as causas do rexeitamento das alegacións formuladas. Lembrou Fariña que a taxa máis importante, a do lixo, queda conxelada. Deste xeito, se ben o resto de taxas se actualizan segundo o IPC (4,9%), a suba real será de algo menos do 3,5%.

En canto á principal novidade para 2009, trátase dunha taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público das empresas de telefonía móbil. Esta ordenanza aplicarase pola utilización de antenas ou outras instalacións que ocupan solo público.

Esta nova taxa suporá un cargo do 1,4% sobre a base impoñible das empresas, isto é, sobre a súa facturación na cidade. A liquidación realizarse trimestralmente. Este é un imposto que non terá beneficios fiscais locais. Houbo unha alegación a esta nova taxa, presentada por unha compañía de telecomunicacións, que foi desestimada.

Melloras na xestión das taxas
O resto de modificacións nas taxas teñen como principal obxectivo mellorar a xestión. Isto nalgúns casos tamén implicará un menor esforzo fiscal para os contribuíntes. Así sucede na supresión da taxa pola expedición de documentos administrativos cando estes sexan solicitados a través da web municipal.

Outras modificación son a redefinición das zonas de bonificación fiscal (aquelas ás que non chegan todos os servizos básicos) no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), o engadido do termo "baixa definitiva" para aplicar o prorrateo no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, ou a supresión das bonificacións no Imposto sobre Construcións para os aproveitamentos térmicos ou eléctricos e por favorecer a habitabilidade de discapacitados, xa que estas son cuestións agora obrigatorias.

A novidade no Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana é que a solicitude de bonificación poderá solicitarse en calquera momento anterior á notificación ao suxeito pasivo do inicio de calquera procedemento de inspección ou comprobación tributaria, ou de verificación de datos. Ademais, establécese unha novidade na ordenanza reguladora do prezo público por prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais. Engádese o uso "extradeportivo" ao "deportivo" previsto ata agora.

Compartir: