FESTAS

As rúas da cidade xa brillan neste Nadal

05/12/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, puxo en funcionamento o alumeado preparado por Raxoi para estas datas. En total, máis de cuarenta rúas e oito prazas lucirán durante este mes un decorado especial, no que o Concello investiu 165.000 euros. No acto tamén estiveron presentes os responsables das empresas encargadas da decoración (Blachere, no Casco Histórico, e Iluminacións Santiaguesas, no Ensanche).

O acto de encendido comezou pola praza do Toural, onde ás 20.00 horas se iluminou un teito de luces de led blanco con 5.000 puntos de luz. É de destacar o baixo consumo da iluminación deste ano; como exemplo, estes 5.000 puntos de luz consumen 245 watios.

A continuación, a comitiva municipal contemplou as luces da Alameda e a rúa Xoán Carlos I. A estas, súmanse, no Casco Histórico, os ornamentos ubicados en Cervantes, Fonseca, Praterías e Obradoiro e en 25 rúas. No Ensanche, o alumeado comprende 12 rúas e 3 prazas (praza de Galicia, praza Roxa e praza de Vigo).

Nun ano difícil para a economía en xeral e en particular para comerciantes, hosteleiros e demáis actividades económicas, a Concellaría de Festas fai un esforzo económico coma nunca co fin de ambientar as rúas e prazas da cidade nunhas datas tan significativas, colaborando así na promoción da cidade desde o punto de vista comercial, turístico e tamén para deleite dos cidadáns e cidadás, especialmente dos máis pequenos.

O horario diario de iluminación será desde as 18.00 h. ata as 2.00 da madrugada agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro que será ata o mencer.

Compartir: