CULTURA

Producións Teatrais Excéntricas pon en escena 'Obra (No Comment)' no Teatro Principal

05/12/2008 Este mediodía, na Casa do Concello, presentouse a peza teatral 'Obra (No Comment)', que a compañía Producións Teatrais Excéntricas vai levar a escena no Teatro Principal os dias 5 e 6 de decembro ás 21:00 horas, nun espectáculo promovido pola concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e a Rede Galega de Teatros e Auditorios do AGADIC.

Na rolda de prensa de presentación estiveron presentes Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, en representación da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais; Quico Cadaval, autor e director da obra; e os actores Borja Fernández e Marcos Orsi, protagonistas da mesma.

Quico Cadaval definiu Obra (No Comment) como un "pastiche de distintas formas teatrais que percorreron as artes escénicas no século XX", que inclúe música en directo e homenaxes expresas ao cinema mudo dos anos 20. A obra ten como personaxes protagonistas a tres operarios que traballan na construción dun rañaceos na Gran mazá, de Nova Iorque, cara ao ano 1929.

Os tres personaxes son inmigrantes procedentes de Polonia (Borja Fernández), Pernambuco (Marcos Orsi) e Marsella (Víctor Mosqueira). O traballo nas alturas fará xermolar unha gran confianza entre os tres obreiros que falan na obra de amor, soños, países de orixe..., todo dende unha óptica desdramatizada, na procura do sorriso do espectador.

Unha obra con moito ritmo
A obra quere ser, ao tempo, unha homenaxe ao modo de vida dos anos vinte en Norteamérica, cuxas vestimentas, expresións e ritmos musicais non esquecen a ninguén. Así, o acompañamento musical da obra, interpretado ao vivo por Suso Alonso, rende xusta homenaxe ao rythm & blues, ragtime, swing e, en particular, ás composicións do gran George Gershwin.

Obra (No Comment) vai ser representada no Teatro Principal compostelán na xornada de hoxe, venres 5 de decembro, e mañá, sábado 6, ás 21:00 horas do serán. As entradas pódense adquirir na billeteira do propio Teatro o mesmo día da sesión de 12:30 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas ou anticipada en www.caixagalicia.es.

Compartir: