SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local poñerá en marcha unha campaña de control de alcoholemia a partir do 8 de decembro

05/12/2008 A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, acompañada polo xefe da Policía Local de Santiago, Norberto Villaverde, anunciou a posta en marcha desta campaña no mes decembro. Así mesmo, presentaron nesta rolda os resultados acadados na campaña de control do teléfono móbil, que se saldou con 45 persoas denunciadas por facer un uso indebido do mesmo ao volante.

A campaña de control de alcoholemia, que se enmarca nas postas en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, estenderase dende o vindeiro 8 de decembro ata o 21. Non se trata, como sinalou a concelleira, "de cazar a ninguén, senón de que todo o mundo sexa responsable" nunha época clave na que se celebran moitas ceas de Nadal e na que a Policía Local fará un esforzo importante para mellorar a seguridade viaria.

Campaña de control do uso do teléfono móbil
O xefe da Policía Local de Santiago, Norberto Villaverde, fixo fincapé en que todos as campañas levadas a cabo, desde a de control de alcoholmia, móbil, casco, seguro ou cinturón, son imprescindibles para a seguridade do tráfico. No caso de Santiago, sinalou Villaverde, están dando os seus froitos xa que a accidentalidade se reduciu nos últimos anos de forma considerable.

Unha das causas que se atopa dentrás dos accidentes de tráfico son os despistes ao volante, entre eles os provocados polo emprego do teléfono móbil sen o dispositivo adecuado. Para previr este tipo de actuacións, a Policía Local levou a cabo a campaña de control do móbil desde o pasado 12 de novembro ata o 25 dese mesmo mes.

Nese tempo controláronse un total de 2.760 vehículos dos que as autoridades detiveron 1.220. Destes, 1.175 pasaron o control sen denuncia, mentres que 45 persoas foron denunciadas por empregar o móbil mentres conducían. Dos controlados, foron 86 os que optaban por empregar o dispositivo de mans libres, 68 eran usuarios de turismos e 18, profesionais. Con respecto ás denuncias cursadas, 32 corresponderon a turismos e 13, a condutores profesionais.

Compartir: