REHABILITACIÓN

A OCiHR inicia unha campaña para informar aos veciños de Compostela sobre os programas de axudas á rehabilitación

03/12/2008 Esta mañá a concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago, Olga Pedreira, presentou en rolda de prensa o material informativo, que ven de editar o seu departamento, para comunicar as axudas á rehabilitación que se xestionan desde a OCiHR (Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación). Pedreira sinalou que "conservar o patrimonio compostelán é un dos retos principais que temos desde a Concellaría de Cidade Histórica e Rehabilitación" e para isto "estamos priorizando o destino de recursos públicos dedicados á conservación e rehabilitación".

A concelleira de rehabilitación indicou tamén que "a zona vella ten un protagonismo importante dentro desta liña de conservación do noso patrimonio histórico" e aproveitou para lembrar que "nesta lexislatura desde o noso departamento xestionamos tamén a Rehabilitación en todo o municipio". Por iso "alén da dinamización da Cidade Histórica, a promoción e rehabilitación do patrimonio en todo o municipio é outros dos obxectivos xerais da Concellaría".

Material informativo sobre axudas á rehabilitación
Neste contexto de fomento da conservación do patrimonio histórico compostelán, a edil manifestou que "outro dos obxectivos estratéxicos que temos na Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación é mellorar e axilizar o acceso á información do noso departamento. Por iso, presentamos esta colección de oito folletos para informar e comunicar as diferentes liñas de axudas que tramitamos desde a OCHiR". Cada folleto recolle a información precisa para solicitar as axudas: requisitos dos inmóbeis, destino dos mesmos, requisitos dos promotores, orzamento protexido, actuacións protexíbeis e a cuantía das axudas.

Cinco dos folletos mostran axudas á Rehabilitación ofertadas pola Consellaría de Vivenda, (os que teñen unha faixa laranxa na parte superior): Rehabilitación illada dunha vivenda, Rehabilitación illada de edificio de vivendas, Remate exterior de vivenda de nova construción, Rehabilitación de calidade de vivenda rural e Rehabilitación de calidade na Cidade Histórica.

Os outros tres folletos ligan con este último e ofrecen información de axudas nas que participa o Consorcio de Santiago (distinguidos con unha faixa verde na parte superior): Rehabilitación de Vivendas na Cidade Histórica, Axudas para a rehabilitación de locais na Cidade Histórica e Axudas para a rehabilitación de elementos especiais de madeira. Estes tres últimos serán enviados aos domicilios da Cidade Histórica de Santiago, porque son de especial interese para continuar a fomentar a rehabilitación e a conservación da zona vella.

Finalmente Olga Pedreira destacou que "desde mediados dos 90 cando comezaron os primeiros programas de rehabilitación, o investimento total das administracións públicas ascende a 9.686.804 €, con máis de 2.465 solicitudes oficiais de axuda e máis de 3.489 visitas técnicas ralizadas" cualificando estes dados como "un traballo constante e que se mantén no tempo"

Compartir: