TURISMO

O Concello promocionará o tecido industrial da cidade a través da campaña "Santiago é Calidade"

03/12/2008 A Concellaría de Promoción Económica desenvolverá no mes de decembro unha Campaña de promoción do tecido empresarial de Compostela baixo o lema "Santiago é Calidade". O obxectivo do departamento que dirixe Xosé Manuel Iglesias é pór de manifesto a calidade a variedade do tecido empresarial de Compostela, centrando a mensaxe na excelencia das diferentes compoñentes do sector empresarial de Santiago.

Santiago de Compostela ten un tecido empresarial baseado fundamentalmente no sector servizos (comercio, hostalería, servizos a empresas, etc), pero cunha base industrial con empresas de referencia estatal e internacional cuns altos niveis de calidade. O espazo económico do tecido empresarial de Santiago é amplo e diverso. Segundo algúns datos extraídos do Estudo sobre o Sector Industrial de Santiago de Compostela e da Diagnose so Sector Comercial de Compostela elaborados ambos pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego:

A indutria compostelá ten a súa maior concentración nas Industrias de papel e fabricación de artigos de papel; artes gráficias e edición, que representan o 24,50% do tecido industrial compostelá. A continuación sitúase a Fabricación de produtos metálicos (excepto máquinas e material de transporte), cun 19%. Algunhas empresas da cidade son referentes estatais e internacionais nos seus campos de actividade.

O sector comercial, con máis de 3.000 estabelecementos en Compostela, caracterizado pola Peme, é unha importante fonte de valor e emprego para a cidade, que ademais constitúe un atractivo máis para vir á Santiago para as persoas que viven en Galicia e o Norte de Portugal. E o sector turístico tense convertido nos últimos anos nun dos piares da economía de Santiago.

A Campaña de promoción terá unha mensaxe central: Santiago é Calidade. Pero contará con tres eixos de comunicación que respostan á estructura do tecido empresarial de Santiago: o sector industrial, o sector comercial e o sector turístico. A campaña desenvolverase en medios de comunicación dentro do ámbito galego, empregando escritos e radiofónicos que permitan chegar a todo o territorio. As datas de realización da Campaña serían do 10 de decembro ao 27 de decembro, para aproveitar o periodo no que se realizan a maior cantidade de compras efectivas e de decisións de compras vinculadas co Nadal.

Compartir: