CULTURA

Última xornada de Cineuropa 2008 coa celebración da maratón 'Carne'

02/12/2008 O Festival Cineuropa organizado pola concellaría de Cultura toca á súa fin na xornada do mércores 3 de decembro coa tradicional maratón, na que se proxectarán ao longo de toda a noite diversos filmes relacionados dun xeito ou outro coa Carne, en todas as súas vertentes. Haberá, como cada ano, chocolate con churros para todos os asistentes ás 6.00h

A sesión enceta ás 20:30 horas no Teatro Principal coa proxección de May, un interesante híbrido entre o cinema de terror clásico e o thriller psicolóxico, dirixido por Lucky McKee. O filme protagonízao May, unha moza independente que tenta abrirse camiño na gran cidade. De seguido proxectarase todo un clásico do cinema de suspense e de terror: O fotógrafo do pánico. Nel o gran director británico Michael Powell, sitúanos na mente de Mark Lewis, un cineasta compulsivo que vai pola rúa cunha cámara de cinema escondida debaixo do abrigo e remata abordando a unha prostituta do barrio chinés londinense.

A terceira peza carnal chega da man de John Cameron Mitchell e leva por título Shortbus. Nesta peza o cineasta estadounidense segue a traxectoria de varios neoiorquinos cuxas traxicómicas aventuras navegan entre a sexualidade e os sentimentos. A protagonista do filme é Sofia, unha sexóloga que nunca tivo un orgasmo e hai anos que simula pracer co seu marido Rob.Ao remate proxectarase o filme que dá nome á maratón e tivo unha importancia central neste Cineuropa 2008. Falamos de Carne, do arxentino Armando Bó, un filme irreverente e transgresor que causou furor na Arxentina dos anos sesenta por amosar sen censuras unha forte carga erótica misturada dunha violencia explícita.

Do erotismo de Russ Meyer ao universo enfermizo de Abel Ferrara Cara ao remate da noite chegan dous pratos fortes da maratón. Por primeiro pasarase Supervixens, unha das pezas máis coñecidas do polémico Russ Meyer, cineasta de Serie B que rachou con todos os moldes na súa época. Os seus filmes ofrecen unha suxestiva mestura de humor, violencia, acción e sexo, non exenta dunha crítica irónica cara á sociedade norteamericana dos anos 60 e 70.

Mais as sorpresas non rematan aquí, pois a penúltima obra proxectada na maratón e na XXII edición de Cineuropa vai ser un novo filme sorpresa que, como non podía ser menos, terá a carne como tema central. Xa para rematar, riscando o amencer, poderemos gozar de The Addiction, obra dun auténtico cineasta maldito como é Abel Ferrara. Rodada con toda a forza e a violencia que caracterizan o seu autor, o filme cóntanos o derrubamento psicolóxico e a posterior rendición de Kathleen, unha brillante estudante obsesionada por comprender o sentido das grandes catástrofes que o home provocou ao longo da historia.

Asemade, antes da maratón, ás 17:15 horas na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, pasaranse dúas obras de Jaime Rosales, premio Cineuropa 2008. Trátase dunha das súas primeiras curtametraxes, Episodio, e da longametraxe La soledad, que lle valeu varios premios Goya na edición de 2007. Este último filme conta a historia de Adela, unha moza separada e cun meniño dun ano de idade, que está cansa da vida que leva na súa aldea natal ao norte de León e decide mudarse a Madrid.

Compartir: