CULTURA

A música e as artes escénicas protagonizan a programación cultural deste mes de decembro

02/12/2008 O director-xerente do Auditorio de Galicia, en representación da concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, Paulo Rodríguez, presentou perante os medios de comunicación o programa cultural do mes de decembro en Compostela, no que a música e as artes escénicas acadan especial protagonismo.

A programación do último mes do ano 2008 vai estar encabezada pola actuación da cantate de orixe kurda Aynur, que pecha o Festival Sons da Diversidade 2008. Aynur medrou escoitando cancións e ritmos ancestrais do seu pobo, bebendo dos grandes poemas e melodías do pasado que fan parte imprescindíbel do universo musical da cantante. A actuación de Aynur vai ter lugar o sábado 13 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Tamén no eido musical celebraranse dous eventos xa claves no mes de decembro na nosa cidade. O ordo Prophetarum, drama litúrxico do século XII e o Festival de Zarzuela Todo lírica, con dous concertos no Teatro Principal os días 21 e 30 de decembro, que continuará en xaneiro. Ademais, continúan os recitais de música clásica no Auditorio de Galicia, co ciclo de piano Ángel Brage, que traerá a Compostela ao intérprete ruso Arcadi Volodos. A Real Filharmonía de Galicia segue coa súa actividade, con dous concertos do Programa de Abono, os días 11 e 19, outros dous concertos didácticos os días 3 e 4 e un ensaio aberto, o día 11 pola mañá, destinado a achegar público novo ao Auditorio.

As artes escénicas ocupan unha parte central da programación de decembro, como xa comentabamos. Estarán as compañías Produccións Teatrais Excéntricas con No comment; Talía Teatro coa estrea de Valentino Rufino e âquil pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) e E ti quen ves sendo?; así como Nut Teatro con A Mirada de Pier. Ademais, contaremos coa posta en marcha dunha nova compañía: Teatro Nu que presentará na Zona "C" unha experiencia:innovadora co seu Concerto en dúas linguas para dous actores e un músico, dirixido por Zé Paredes.

Tamén na Zona "C, xa no ámbito das artes plásticas,"inaugurarase exposición este mes de decembro. Desta vez a de Amaya González: Artisticamente )(in)correcto o xoves 18 ás 19.00h.

Un Nadal cultural en Compostela
Do 23 ao 30 de decembro, a concellaría celebra unha programación específica para os máis pequenos baixo o nome de Nadal Cultural, un ano máis. Así, no Teatro Principal, desenvolveranse varias pezas teatrais dirixidas ao público máis novo, coas compañías Teatro Regional da Serra de Montemuro (Portugal), Quinquilláns, Berrobambán e Disque Danza.

Ademais, continúan os programas nos Centros Socioculturais da cidade Letras Vivas Animación, de promoción da lectura entre os máis pequenos, Cinemas Dixitais e Domingos en Familia, aos que hai que engadir as actuacións do Circuito Galego de Maxia.

Compartir: