XUNTA DE GOBERNO

O Concello achegará 54.500 euros a máis de 60 asociacións

02/12/2008 En total serán 61 as asociacións da cidade que poderán poñer en marcha as súas actividades grazas á colaboración do Concello. 17 delas desenvolven programas dirixidos á xuventude e recibirán 23.382 euros; a cantidade restante será para 44 entidades que traballan no ámbito educativo.

Foi un dos puntos aprobados na primeira sesión da Xunta de Goberno Local do mes de decembro, na que tamén se lle deu o visto bo a dúas iniciativas da Concellaría de Xuventude relacionadas co asesoramento musical e formación para un mellor uso dos instrumentos musicais dos locais de ensaio, cun orzamento total de 11.323,69 euros. Neste senso, tamén se aprobou poñer a disposición a cantidade de 1.100 euros para realizar no Centro Sociocultural do Ensanche unha actividade do Club do Rol.

No ámbito de Benestar Social, deuse conta da invitación á UMAD por parte dunha cooperativa social da rexión italiana de Véneto, que traballa na xestión de proxectos europeos, para participar na elaboración dun DVD cos proxectos que no ámbito da prevención de drogas realiza a Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente. Así mesmo, tamén se informou á Xunta de Goberno da concesión de dúas subvencións, unha por importe de 18.195,89 euros para o desenvolvemento de programas de educación familiar procedente da delegación provincial da Igualdade e do Benestar, e outra de 18.740,54 da Consellaría de Traballo que se empregará para sufragar os custos sociais do persoal fixo da unidade técnica de Muller.

Deportes
Nesta sesión da Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a colaboración do Concello no desenvolvemento dos VII Xogos Deportivos Autonómicos para Xordos que se desenvolverán na cidade os días 6 e 7 deste mes. Esta colaboración concrétase na posta a disposición do campionato dunha ambulancia asistencial e na compra dos trofeos e medallas, o que supón un gasto de 2.100 euros.

Por último, adxudicouse definitivamente o subministro e instalación de elementos de xogo infantís no entorno do centro sociocultural e grupo escolar Doutor Maceira de Laraño, actuación na que se investirán 25.605 euros máis IVE.

Compartir: