ALCALDIA

O alcalde acude a un encontro de cidades do mundo que se chaman Santiago

01/12/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistirá aos actos de celebración do Primeiro Encontro de Santiagos de América e Europa, que terán lugar ao longo desta semana na cidade dominicana de Santiago de los Caballeros. Compostela está irmandada con esta cidade desde o 25 de novembro de 2005, irmandamento ratificado en xullo 2006.

O Concello de Santiago de los Caballeros leva desde principios de ano organizando diversos actos que conmemoran os cincocentos anos de historia do seu escudo e que pretenden pór en valor o potencial histórico-cultural das cidades que ostentan o nome de Santiago.

Sánchez Bugallo aproveitará a súa viaxe para achegarse ao barrio de Santa Lucía/La Mosca, onde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta está a levar a cabo un Programa de Desenvolvemento Integral en Santiago de los Caballeros co obxectivo de mellorar o nivel de vida dos seus habitantes. O programa consta de varias accións de cooperación para poder buscar espazos de encontro e cooperación co noso concello.

Santiago de los Caballeros foi fundada en 1495 por Cristóbal Colón, constituíndose no primeiro Santiago de América en honra ao Apóstolo Santiago. A tradición conta que os primeiros poboadores foron trinta cabaleiros da Orde de Santiago o Maior, polo que en 1504 pasou a chamarse Santiago de los Caballeros. Na República Dominicana é coñecida como "cidade corazón" polas súas iniciativas sociais, económicas e culturais.

Compartir: