CONSUMO

As comunidades de propietarios, protagonistas dunha nova charla-coloquio organizada pola OMIC

01/12/2008 Continúa o programa de actividades posto en marcha pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor para informar sobre os dereitos dos propietarios de inmobles. Nesta ocasión, o Centro Sociocultural e Xuvenil de Fontiñas acollerá unha charla-coloquio sobre as comunidades de propietarios. Será o martes 2 de decembro ás 20:00 horas.

O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, presentará esta charla, na que participarán o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, e o secretario da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN), Rafael Rodríguez Rey.

Grazas a esta charla-coloquio, os propietarios de inmobles teñen a oportunidade de coñecer mellor os seus deberes e dereitos. Aos asistentes entregaráselles unha guía de consulta elaborada pola OMIC, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia. Editáronse 10.000 exemplares que tamén se están a distribuír a través dos centros socioculturais da cidade, a propia OMIC e a Oficina de Atención Cidadá do Concello.

Esta sesión é a cuarta que organiza a OMIC sobre estas cuestións nas últimas semanas. Anteriormente celebráranse dúas charlas-coloquio sobre as comunidades de propietarios no Ensanche e en Conxo. Tamén no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche tivo lugar unha mesa redonda sobre as Normas do Hábitat.

Compartir: