FACENDA

Os orzamentos de 2009 aumentarán o investimento en benestar social, emprego e educación

27/11/2008 A cifra final de gasto prevista para o exercicio de 2009 sitúase en 124.155.171,16 euros, o que supón un aumento do gasto con respecto ao 2008 do 8%, con carácter xeral. O importe total de investimentos previstos para o exercicio de 2009 ascende a 34.331.663,92 euros.

Os orzamentos para o ano que vén reflicten un crecemento dos gastos obrigatorios no IPC. Tamén prevén a conxelación do gasto corrente non obrigatorio, coa excepción dos gastos destinados a benestar social, emprego e educación, con incrementos que acadan o 60%. Así mesmo, na aplicación destes investimentos son destacábeis os que atinxen ao medio ambiente, á remodelación de espazos públicos e á rede viaria.

A subida do gasto corrente é de preto do 2% a respecto dos orzamentos para o 2008, como consecuencia do incremento dos gastos de persoal e dos contratos, situándose para 2009 en 87.774.400, 96 euros.

Doutra banda, prevese unha operación de crédito por importe de 7.190.000 euros, equivalente á cantidade que se amortizará nesta anualidade. Tamén se prevé un ingreso de 7.027.331 euros en concepto de aproveitamento urbanístico.

Compartir: