PLENO

O Pleno acorda iniciar o procedemento de constitución dun Consorcio para a creación da Vía Verde a Compostela

27/11/2008 O Pleno municipal acordou tamén iniciar o procedemento de constitución dun Consorcio para a creación, xestión, explotación e mantemento da Vía Verde a Compostela. Neste participarán, ademais de Santiago, os concellos de Ordes e Oroso, sen prexuízo de que se poidan incorporar outras administracións públicas ou entidades privadas.

Este Consorcio xorde á raíz do protocolo de colaboración asinado polos alcaldes dos devanditos concellos o 20 de outubro para a creación desta Vía Verde. Ademais, xa se teñen realizado xestións con ADIF por parte da Concellería de Medio Ambiente para a cesión do tramo de vía comprendido entre o quilómetro 384/600 e 397/400.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, o Pleno aprobou a modificación puntual do plan de sectorización do SUNP-11 do Castiñeiriño. O obxecto é cumprir co estándar obrigatorio de prazas de garaxe dentro da edificación, de xeito que resultou necesario ocupar o subsolo do paso público lindeiro entre os sotos de dous edificios.

Ademais, deuse o visto bo definitivo á modificación puntual do plan parcial do SUNP-31. San Marcos. Este cambio afecta á regulación de usos autorizables establecida no Plan. Así, permítense no eido terciario os usos hoteleiro, locais comerciais en planta baixa e semisoto, oficinas, administración pública e garaxe aparcadoiro. No dotacional, os usos autorizados son: docente, deportivo, sanitario, asistencial, sociocultural, relixioso e público-administrativo.

Compartir: