CULTURA

Remata o ciclo Teatro + Danza en Xira 2008 coa representación de "La paz perpetua"

27/11/2008 O ciclo Teatro + Danza en Xira 2008 remata con dúas representacións da obra La paz perpetua, do Centro Dramático Nacional e o Teatro de la Abadía, os días 28 e 29 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

La paz perpetua, de Juan Mayorga é unha coprodución do Centro Dramático Nacional e do Teatro de la Abadía, con dirección e escenografía de José Luis Gómez. Conta co seguinte reparto: José Luis Alcobendas, Julio Cotázar, Israel Ejalde, Susi Sánchez e Fernando San Segundo. A obra que temos ocasión de ver esta fin de semana é unha metáfora do reino animal que une a lucidez filosófica co compromiso social cunha extraordinaria imaxinación e sensibilidade polos mecanismos escénicos.

Juan Luis Gómez é un director de escena e actor de teatro e cine que se forxou en Alemaña e Francia. Nos 80 dirixiu o CDN e o Teatro Español e en 1995 creou o Teatro de la Abadía, onde desempeña un dobre papel de director e actor. Pola súa traxectoria artística ten recibido o Premio Nacional de Teatro 1988 e a Medalla de Ouro de Mérito nas Belas Artes 2005, entre outros galardóns españois e estranxeiros.

Pola súa parte, Juan Mayorga, Premio Nacional de Teatro 2007, ten recibido tamén o premio Calderón de la Barca e varios Max. Entre as súas obras pódense destacar: Hamelin, estreada por Animalario no Teatro de la Abadía; Hinmelweg, producida polo Centro Dramático Nacional e El chico de la última fila.

As entradas están á venda no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A venda telefónica realízase no mesmo horario, nos teléfonos 981 571 026 e 981 573 979, na modalidade de pago con tarxeta. O prezo é de 12 euros, cos descontos habituais do 50% para estudantes, xubilados e posuidores do carné xove.

O ciclo Teatro + Danza en Xira iniciárase o 2 de marzo coa derradeira representación da obra Filomena Marturano, con Concha Velasco. Continuou con 13 rosas, da Compañía Arrieritos; A Guía do Hermitage, con Federico Lupi; e Turismo Infinito, de Ricardo Pais, polo Teatro Nacional São João.

Compartir: