ALCALDÍA

O alcalde comprométese a ter en conta as demandas das familias numerosas á hora de revisar determinadas taxas municipais

27/11/2008 O presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luis Sánchez, foi recibido en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, ao que lle transmitiron algunhas das súas reivindicacións. Na xuntanza tamén estivo a concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

O alcalde comprometeuse con Luis Sánchez a estudar algunhas desas demandas, que teñen que ver sobre todo con determinadas taxas municipais. Así, o presidente da Asociación pediu que a taxa da auga teña en conta que o maior consumo dos fogares con familia numerosa se debe moitas veces a este factor, e non a un consumo abusivo.

Ademais, pediu unha rebaixa no imposto de circulación xa que, segundo indicou, o número de cabalos dos vehículos utilizados por estas familias se debe a que precisan monovolumes e non pola alta gama dos coches. Tamén demandou a creación dun bonobús para menores de 13 anos.

Compartir: