PLENO

O debate sobre o estado do Concello poderá seguirse a través da web municipal

26/11/2008 O sábado 29 de novembro, ás 10:00 horas, terá lugar o debate sobre o estado do Concello. Os cidadáns que o desexen poderán seguir este Pleno extraordinario a través desta páxina web. Accederase á imaxe e son deste Pleno grazas a un enlace visible na portada da páxina web.

Este debate é unha das principais novidades do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello aprobado en Pleno o 27 de decembro de 2007. Así, establécese que en cada mandato corporativo terán lugar tres sesións extraordinarias dedicadas a este debate do estado do Concello.

Nesta sesión correspóndelle ao alcalde a primeira exposición sobre a situación xeral do Concello e as liñas mestras da súa acción de Goberno. A continuación, someterase a debate a intervención do alcalde, e os diversos grupos consumirán unha primeira quenda na que cada voceiro disporá dun tempo de quince minutos.

Se o solicitara algún grupo, procederase a unha segunda quenda, dispoñendo cada voceiro de dez minutos para a súa exposición. Finalizada a intervención dos/as portavoces, iniciarase unha quenda de réplica a cargo do alcalde ou alcaldesa ou do membro da Xunta de Goberno que libremente puidera determinar. Finalizada a réplica, levantarase a sesión. Neste Pleno extraordinario non se adoptarán acordos.

Compartir: