TURISMO

Turismo de Santiago reúne a 46 profesionais das axencias de turismo de incentivos máis importantes de España

26/11/2008 Turismo de Santiago organiza dúas viaxes de familiarización para as principais axencias de incentivos de España, co obxectivo de amosarlle aos profesionais do sector os recursos cos que conta a cidade e que a fan un destino ideal para o turismo de incentivos. O obxectivo da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, é converter a Santiago no destino de referencia estatal neste tipo de turismo nas cidades que teñen entre 100.000 e 200.000 habitantes. As actividades desta nova liña estratéxica englobaranse baixo a marca "Santiago Incentívate".

O Turismo de Incentivos, que se pode definir como aquel no que as empresas incentivan aos seus empregados e/ou colaboradores mediante viaxes de ocio, é un dos segmentos de mercado con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos. Ademais, ten dúas características que o fan interesante para Santiago: por unha banda supón un importante impacto económico, tanto porque o gasto diario do participante é maior que a media dos visitantes tradicionais como porque precisa de empresas de servizos na localidade; e por outra banda, fomenta a desestacionalización, xa que o 70% dos viaxes de incentivos se realizan fóra da temporada alta.

A primeira das viaxes é de luns a mércores, e a segunda de mércores a venres. En total son 46 directivos e representantes das principais axencias de incentivos de España, como Creatur, Kivicom, AC Media Consulting, Halcón Viajes, ou Viajes El Corte Inglés. Os participantes teñen un completo programa de actividades deseñado para que coñezan os recursos da cidade e as posibilidades que se poden ofertar ás empresas que realizan viaxes de incentivos.

O programa inclúe dous pequenos concertos de arpa céltica, un na igrexa de San Lourenzo e outro na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, unha excursión a Cambados para ver o traballo das mariscadoras, cunha degustación dos seus produtos, unha visita ao Paxoráns, unha cata conserveira, e unha cea na que o mentalista Luis Pardo fai un espectáculo chamado "A maxia de Santiago". Luis Pardo foi Premio Español de Mentalismo 2004 e ten actuado nos principais teatros de Madrid e Barcelona e diferentes programas de televisión.

O espectáculo "A maxia de Santiago" presenta de forma atractiva as principais características da cidade e do seu entorno. O mentalista sirve de guía da terra galega, do seu encanto que vai máis aló do racional, do encanto das súas xentes, lugares, tradicións, gastronomía... Deste xeito, preténdese amosar aos profesionais do sector dos viaxes de incentivos que Santiago é unha cidade única onde, máis aló de todas as súas infraestruturas, onde a cultura e a tradición danse a mano coa modernidade e a celebración deste tipo de eventos de empresa.

Compartir: