CULTURA

Chega a noite do filme sorpresa a Cineuropa 2008

26/11/2008 Ao longo das 22 edicións do Festival Cineuropa, unha das noites máis especiais ten sido a da proxección do filme sorpresa. O xoves 27 de novembro, ás 22:00 horas, desvelarase a incógnita neste Cineuropa 2008.

O filme sorpresa ten levado ao Teatro Principal, noutras edicións, a primicia de títulos axiña convertidos en obras de culto como Orlando, de Sally Potter; Guerreros de antaño, de Lee Tamahory; Limbo, de John Sayles; La reina Margot, de Patrice Chereau; Rompiendo las olas, de Lars Von Trier; Elephant, de Gus Van Sant; ou, na edición de 2007, My blueberry nights, de Won-Kar-wai, aínda sen estrear nas salas comerciais.

Para a esta edición a organización do Festival garda un dos filmes máis controvertidos da tempada. Trátase dunha peza que ten algo de baile de disfraces, de xogo de rol, de camaleonismo. Unha historia sobre cómo o individuo chega a balancear nas arañeiras do poder e dos soños, vendo como os que se erosionan son as criaturas que caen nesa rede. Pois o poder desgasta, mais a oposición desgasta aínda moito máis.

O filme sorpresa gustou moito a quen fala francés ou quen pasea pola Costa Azul, mais desgustou moito á onorabile societá, ao Duce e, especialmente, ao Vaticano. Na peza atopamos rastros do filme español Espérame en el cielo, lecturas de O príncipe de Maquiavelo, componendas entre mafias, anos de chumbo e conspiracións "todo modo", que dicía Leonardo Sciascia. En España botouse un filme parecido sobre un personaxe, non tan arredado na lembranza, que tomou o coche oficial aos trinta e aínda segue, na súa vellez, sen baixar del. Estamos a falar dun filme polémico que, na seguinte copará as páxinas da prensa. Amais converterase, probablemente, nunha das películas sorpresa máis comentadas da década en Cineuropa.

Winterbottom, Bogdanovich e moito máis
Mais na xornada do xoves 27 haberá outras sorpresas agradables no Festival Cineuropa. Do prolífico cineasta británico Michael Winterbottom, autor entre outros filmes de Wonderland e Road to Guantanamo, proxectarase a súa última creación, Genova. A longametraxe, de estrutura dramática máis ou menos clásica, relata a historia dunha familia que ve cómo os seus alicerces se derruban coa inesperada morte da súa nai. Ante a perda o pai decide levar as súas dúas fillas de Chicago a Xénova para tentar seguir adiante. Winterbottom incide na dor das nenas e no desgarraigamento anímico que supón a irrecuperábel perda da nai.

Asemade, poderemos gozar da última creación de todo un clásico do cinema como é Peter Bogdanovic que, a piques de cumprir os 70 anos, continúa en plena actividade creativa. A súa última peza é Tom Petty and the HeartBreakers: Runnin' Down a Dream, un documental de catro horas arredor do músico de Florida. Un filme cálido, exhaustivo, humano e altamente rockeiro, testemuño definitivo da súa carreira. Ademais, en Arteria Noroeste ás 22:00 horas, proxectarase O espírito do bosque, unha das últimas creacións da animación en Galicia. A longametraxe, dirixida por David Rubín e Juan Carlos Peña, sitúase nun bosque ameazado polos plans de construción dunha estrada. Porén, os seus habitantes, as toupas Furi e Linda e o rato Piono non pensan permitilo.

Compartir: