TRANSPORTES

Novo bono para motos no aparcadoiro de Xoán XXIII

26/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o Consello de Administración da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA). No mesmo aprobouse a actualización das tarifas dos aparcadoiros de Belvís, Xoán XXIII, dársena de autocares de Xoán XXIII e da estación de autobuses na parte que corresponde ao control municipal. Ademais, créase un bono para motos no aparcadoiro de Xoán XXIII.

A actualización dos prezos por minuto realízase en función do IPC, anual, situado no 3,6%. Ademais, e como novidade ante a demanda dun tipo de bono para motos, decidiuse crear este bono para o aparcadoiro vixiado Xoán XXIII. Con este bono poderase estacionar unha moto 24 horas, os 365 días do ano, por un prezo de 40 euros mensuais.

En canto ás tarifas, neste aparcadoiro de Xoán XXIII, a actualización ponderada queda nun 3,21%, efecto dos redondeos ao pasar o prezo por minuto ás táboas tarifarías. Así, o prezo por minuto ata a cuarta hora quedará en 2009 en 0,0193 euros, mentres que a partir da cuarta hora e ata a décima, o custo será de 0, 0144 euros.

Para os bonos, a suba media é do 2,94%. O de 24 horas pasará a custar 54 euros, polos 48 euros que custará o bono diúrno e os 36 do nocturno. A estes hai que engadir o mencionado bono de moto, de 40 euros.

Aparcadoiro de Belvís
Tamén se actualizan segundo o IPC as tarifas do aparcadoiro de Belvís. No obstante, o efecto do redondeo deixa a actualización ponderada neste caso nun 3,51%. A tarifa por minuto ata os 45 minutos queda en 0,0151 euros, ata a cuarta hora en 0,0119 euros e a partir da cuarta e ata a décima en 0, 0109 euros.

O aparcadoiro municipal de Belvís conta cunha gran variedade de tipos de abono, polo que non se fixo necesario facer ningún tipo de cambio. Ademais, cómpre lembrar que existe un convenio coa Universidade para os profesores da Facultade de Xeografía e Historia de luns a venres lectivos de 8:00 a 21:00 horas.

Dársena de autobuses
Na dársena de autobuses de Xoán XXIII está estabelecido un importe fixo para a carga e descarga de viaxeiros por día sen límite de entradas. Para cada operación o autocar dispón de 15 minutos. En caso de utilizar máis tempo están fixadas unhas penalizacións para impedir que os autobuses que visitan a cidade a utilicen como aparcadoiro, dificultando a rotación necesaria para dispoñer das dársenas libres para a carga e descarga de viaxeiros.

Para 2009 aprobouse unha actualización de 0,50 euros, deixando a tarifa en 14 euros e mantendo as penalizacións actuais de un e dous euros.

Identidade corporativa e convenio con Castromil
Outro dos acordos do Consello de Administración foi o da aprobación definitiva da nova identidade corporativa de TUSSA. O que se pretende é que esta imaxe sexa a xanela pola que a cidadanía compostelá se asome ás actividades e competencias desta empresa, de capital cen por cen municipal, dez anos despois da súa creación.

Ademais, deuse o visto bo á posta en marcha dun proceso de selección de persoal de carácter interno, para cubrir prazas vacantes dentro da empresa. Finalmente, aprobouse o novo convenio coa empresa Castromil (do grupo Transmonbus) polos servizos da estación de autobuses

Documentos relacionados



Compartir: