MEDIO AMBIENTE E EDUCACIÓN

O Programa de Educación Ambiental incorpora un novo bloque dedicado ás enerxías renovables

26/11/2008 As concellarías de Medio Ambiente e Educación, en colaboración con ADEGA, poñen en marcha unha nova edición do Programa de Educación Ambiental. Esta iniciativa, dirixida aos centros de ensino, é un conxunto de actividades dirixidas a promover a responsabilidade en torno a diferentes aspectos medioambientais.

Sensibilizar e desenvolver actitudes de respecto cara o medio ambiente é o principal obxectivo deste Programa, segundo indicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, que resaltou tamén a alta aceptación que ten esta iniciativa. Así, no curso 2007-2008 participaron 1.300 alumnos de 19 centros escolares da cidade.

Nesta necesidade de "sensibilizar e de educar cidadáns responsables e respectuosos co medio ambiente" coincidiu a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, quen indicou que maioría das actividades se desenvolven no segundo trimestre do curso.

Xunto ás dúas concelleiras, explicaron o programa Margarita Miguens e Paco Bañobre, de ADEGA. Neste sentido, apuntaron como principal novidade desta edición a incorporación dun bloque de contidos sobre enerxías renovables. En total, son dez bloques os que se traballan no programa, e que inclúen charlas, obradoiros e saídas: residuos, cidades sustentables, consumo sustentable, paz e seguridade humana, biodiversidade, saberes autóctonos, transformación do medio rural e aproveitamentos forestais, cambio climático, problemáticas do medio ambiente e o mencionado de enerxías renovables.

Ademais, existen dous programas monográficos, un dedicado á auga e outro ao Proxecto Ríos. O primeiro pretende amosar aos rapaces o ciclo de auga da cidade, con visitas ás plantas potabilizadora e depuradora. No segundo trabállase en torno a un proxecto que vén estudando dende hai catro anos a saúde das correntes fluviais máis próximas aos fogares.

Compartir: