MULLER

Condena enérxica tanto aos que exercen a violencia contra as mulleres como aos que a ignoran ou toleran

25/11/2008 Como cada ano, o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, convértese nunha cita para expresar o rexeitamento á violencia contra as mulleres. Nesta ocasión, o pavillón do Restollal acolleu un acto institucional de sensibilización, no que o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, leu unha declaración institucional.

En presenza de varias entidades deportivas, Sánchez Bugallo presidiu un acto centrado este ano nese ámbito precisamente, o do deporte. O obxectivo era achegar mensaxes de sensibilización cos que implicar aos homes nesta loita contra a violencia de xénero e conciencialos da necesidade de denunciar aquelas situacións de violencia que coñezan. Tamén os deportistas tiveron ocasión de pronunciar diversos lemas sobre este tema.

Sánchez Bugallo comezou a súa intervención trasladando "o noso apoio ás familias de todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero, especialmente á familia de Fabiola Mariana da Silva, última muller asasinada na nosa Comunidade". Ademais, expresou "a nosa máis enérxica condena aos que exercen a violencia contra as mulleres, os que a ignoran, lle restan importancia ou a toleran de calquera xeito.

Resaltando que o da violencia de xénero é un problema que afecta a toda a sociedade, o alcalde demandou o papel das institucións públicas para "impulsar todas aquelas políticas dirixidas a eliminar a violencia exercida contra as mulleres, dende a perspectiva da protección e de asistencia, pero tamén dende a óptica da prevención, propiciando un cambio de valores que implique participar no futuro dunha sociedade sen violencia".

Convidou a todos os cidadáns e loitar contra esta lacra e dirixiuse especialmente á mocidade. Animounos a "alertar deses comportamentos sutís que non se recoñecen como indicadores de desigualdade e mesmo de violencia". "Temos que impulsar medidas para erradicar a discriminación, as falsas crenzas de que as relacións persoais son relacións de poder ou de confrontación entre os sexos e inculcar a semente da igualdade nos centros educativos, para forxar unhas xeracións futuras que sintan, practiquen, transmitan e loiten por unha sociedade xusta e igualitaria", engadiu.

O alcalde reclamou un debate social profundo sobre a violencia de xénero e sobre as estruturas que conducen á discriminación da muller. Ademais, apuntou que a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero é "un marco adecuado que posibilita avanzar na protección das vítimas e na progresiva erradicación da violencia". Neste sentido, apelou á responsabilidade das administracións na súa aplicación e no seu financiamento.

"Conscientes de que unha sociedade non pode progresar nin conseguir os obxectivos democráticos se consente a violación dos dereitos fundamentais da metade da súa poboación, sentímonos na obriga, dende a nosa representación cidadá e democrática, de pronunciarmos, pois o silencio faríanos cómplices destes delitos", remata a Declaración.

Compartir: