CULTURA

A Banda de Música colabora en Cineuropa coa interpretación da suite "Contos de Alentaría", de Eugenio Pazos Pintor

24/11/2008 A Banda de Música de Santiago de Compostela colabora co Festival Cineuropa. O martes 25 de novembro, ás 20:00 horas no Teatro Principal, a agrupación musical interpretará a suite Contos de Alentraia, composta por Eugenio Pazos Pintor. A sesión será amenizada, ademais, polo VJ The Chemical Orange, que introducirá distintos motivos visuais ao ritmo da suite. Ao remate da sesión proxectaranse dúas curtametraxes galegas dirixidas por Xosé Carlos Soler que teñen como banda sonora os Contos de Alentraia: Tornabón e Cabeza de boi.

Ademais, ao longo da xornada do martes 25 chegarán a Cineuropa as últimas creacións de autores xa consagrados na historia da sétima arte. Do cineasta italiano Giuseppe Tornatore -autor entre outras longametraxes de Cinema Paradiso- proxectarase A descoñecida. O filme combina unha narración clásica achegada ao cinema negro co compromiso social que percorre a obra de Tornatore, para nos contar a historia de Irena, unha moza ucraína que vive nunha cidade imaxinaria na que se enfronta a un violento pasado relacionado coa prostitución, mentres tenta reconstruír a súa vida traballando como limpadora nun palacio.

Do cineasta chinés Diao Yi Nan, que se deu a coñecer no panorama internacional en 2003 con Uniform, proxectarase Night Train, peza realizada ás costas da oficialidade chinesa que achega unha ollada pouco compracente a diversos aspectos sociais do xigante chinés engalanado no ano 2007 polas grilandas e lumes de artificio das Olimpiadas. O filme ten como protagonista unha muller nova, empregada no departamento de xustiza dunha típica cidade industrial chinesa, cuxo traballo dista dun sinxelo rol administrativo, pois ao seu cargo se atopan as presas condeadas a morte polo sistema xudicial.

Os cineastas de Hollywood contra a ditadura franquista
Na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, a partir das 20:30 horas, pasarase Hollywood contra Franco, filme asinado polo catalán Oriol Porta, que relata a oposición á ditadura franquista que agromou en Hollywood a comezos da Guerra Civil e que se opuña á política de non-intervención do goberno dos Estados Unidos. O documental amosa como se utilizou o conflito na meca do cinema entre 1937 e 1975 e o seu director e productor estará en Compostela para comentar o filme.

Tamén ao documental de creación pertence Una cierta verdad, peza de Abel García Roure que filma, durante case dous anos, a existencia de cinco persoas cuxas vidas se atopan nun sanatorio mental. Todos eles viron, ou verán, severamente alteradas as súas capacidades de enxergar e percibir a realidade, experimentando en pouco tempo un severo deterioro da súa propia identidade.

Compartir: