CIDADE HISTÓRICA

Comezan as obras de recuperación e estudo do anaco de muralla medieval descuberto na rúa de Entremuros

24/11/2008 A Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación vai impulsar un proxecto de recuperación de todo o perímetro da antiga muralla medieval de Santiago. Isto inclúe a integración no viario público dos tramos que se conserven do muro defensivo, así como realizar unha completa posta en valor do seu valor histórico. A priori, dos restos que restan da muralla, o que mellor se conserva é o lenzo que conforma parte da fachada do inmoble número 18 da rúa de Entremuros.

Cidade Histórica impulsará, grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura, o estudo en detalle destes restos da muralla encontrados na rúa Entremuros. Os traballos serán de restauración, e consolidación dun tramo da barreira medieval de dez metros de longo por cinco de alto e dous de largo, construído probablemente no século XI e descuberto no ano 2000. Este tramo coincidide con unha das actuais fachadas deste número 18 da rúa de Entremuros.

Muralla medieval de Santiago
A muralla medieval de Compostela foi levantada por orden do Bispo Cresconio, entre os anos 1037-1068. A data de hoxe, da muralla consérvanse, ademais do seu trazado, moitas evidencias como o espazo das antigas portas e dos postigos principais, tramos da rolda interior, toponimia, estruturas como a Fonte de Santo Antonio, etc.

O estudo da muralla, promovido e coordinado pola Concellería da Cidade Histórica e Rehabilitación, ten como obxectivo último a súa "recuperación" para reintegrala na memoria e paisaxe histórica da cidade. Neste contexto iniciase os primeiros traballos, que consistirán en:

1. limpeza arqueolóxica e consolidación do lenzo murario do inmoble nº 18 da rúa de Entremuros.

2. estudo da muralla da cidade, a súa xénese, evolución e transformacións ao longo do tempo.

A lonxitude orixinal da muralla calcúlase nun par de kilómetros. A máis longo prazo a Concellaría ten como obxectivo localizar a totalidade dos ánacos de muralla aínda en pé para darlles un tratamento rehabilitador e museístico uniforme, e tamén para divulgar a súa existencia a través de diferentes materiais informativos.

Compartir: