PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica repartirá 500 lapis de memoria na III Xornada Emprende en Compostela

24/11/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo repartirá 500 lapis de memoria na III Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 2 de decembro no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

No lapis de memoria, de 2 GB, a Concellería introducirá unha completa información sobre emprendemento e creación de empresas. Os documentos que conterá serán os seguintes: Guía para a elaboración dun plano de empresa, Formulario para elaborar un plano de empresa, Diccionario básico para o emprendemento, Guía do emprendedor compostelán coas últimas actualizacións, Guía de oportunidades de negocio no marco do Proxecto Equal Compostela Social e dez Microguías de oportunidades de negocio.

O encontro está dirixido tanto ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia é de balde. Para facilitar a mobilidade das/os asistentes haberá dous autobuses gratuítos, con saída dende o Campus Sur e dende o Campus Norte cara o Pazo de Congresos.

A información sobre a xornada e a inscrición para participar atópanse na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. O prazo de inscrición finaliza o 1 de decembro. Se algunha persoa non lle da tempo a inscribirse, pode facelo o mesmo día do encontro no stand de Promoción Económica onde se entregarán as acreditacións.

Compartir: