ALCALDÍA

Os rapaces únense en Amio á Caravana dos Cativos

22/11/2008 O recinto feiral de Amio convértese os días 22 e 23 de novembro nun singular parque de atraccións para os máis pequenos. A Caravana dos Cativos xunta por primeira vez en Santiago nun único eventoa multitude de personaxes de animación infantís.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o evento e percorreu as súas distintas atraccións na compaña do concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, e do xerente do Multiusos, Santiago Cuadrado. Os tres puideron comprobar como os rapaces disfrutaban da ampla oferta lúdica.
Na Caravana dos Cativos danse cita personaxes actuais como Doraemon, Shin Chan ou Keroro e outros clásicos como os de Barrio Sésamo, Heidi ou as tartarugas Ninja. Todo isto complementado con actividades e obradoiros para os máis cativos, que ocupan unha superficie de 10.800 metros cadrados.

Nunha das naves de Amio hai un escenario e unha ampla zona de butacas para que os máis pequenos cos pais poidan gozar de numerosos espectáculos infantís. Tamén hai unha zona de photocall para que os máis pequenos leven un recordo do seu paso pola Caravana dos Cativos.

En canto ás actividades, os rapaces poden acceder a un simulador de Fórmula 1, a un túnel do vento ou a cadeiras voadoras. Para os nenos de menor hai unha ludoteca infantil. Un camión con proxeccións, cuncas e bañeiras con motor, videoxogos, actividades deportivas, clases de baile, obradoiros e inchables completan a oferta.

Os pais dispoñen dunha zona de hostalería con bebidas e comida para aproveitar o tempo mentres pequenos se divirten nas diferentes actividades programadas.

Compartir: