CULTURA

Cineuropa 2008 ofrece a maratón "Unha de vampiros", con filmes de Maddin, Assayas e Ferrara

21/11/2008 O Festival Cineuropa 2008 proxecta na noite do sábado 22 de novembro unha aterradora maratón titulada Unha de vampiros, na que se achegan olladas moi particulares arredor do fenómeno do vampirismo procedentes de tres autores consagrados a nivel internacional: Guy Maddin, Olivier Assayas e Abel Ferrara.

A maratón enceta ás 23:45 horas coa proxección de Dracula: Pages from a Virgin's Diary, un dos filmes máis controvertidos do cineasta canadense Guy Maddin, un dos protagonistas deste Cineuropa 2008. A peza, de 2002, constitúe unha singular adaptación do clásico de Bram Stoker ao mundo do ballet. A orixinalidade da proposta de Maddin constátase na propia linguaxe empregada, pois a narración silente e en branco e negro crea un suxestivo contrapunto coa banda sonora creada a partir de obras de Gustav Mahler e os lampexos vermellos do sangue que brota en varias escenas do filme.

Ao remate pasarase Irma Vep, considerada por un amplo sector da crítica a peza máis conseguida do director francés Olivier Assayas. Cun guión escrito en dúas semanas e unha rodaxe que durou apenas vinte días, Assayas construiu un filme de innumerables capas e lecturas que o espectador deberá ir descubrindo de maneira progresiva. A obra narra a historia da rodaxe dunha adaptación contemporánea de Les vampires, o clásico serial mudo que dirixiu, en 1915, Louis Feuillade.

A terceira revisión do cinema de vampiros chega da man dun dos cineastas máis arriscados e orixinais do cinema contemporáneo: Abel Ferrara. Rodada con toda a forza e a violencia que caracteriza a este autor, The Addiction cóntanos o derrubamento psicolóxico e posterior rendición de Kathleen, unha brillante estudante obsesionada por comprender o sentido das grandes catástrofes que o home provocou ao longo da historia.

De Irán a Madrid, pasando por Mongolia
Ao longo da fin de semana continuarán a chegar ao Festival Cineuropa 2008 títulos destacados da tempada cinematográfica agardados polos afeccionados ao cinema de Compostela. Unha destas obras é Two-Legged Horse, cuarta longametraxe da cineasta iraniana Samira Makhmalbaf. A peza está protagonizada por un rapaz que, a cambio dun dólar, encárgase de levar a un neno coxo ao colexio e de recollelo, coma se dun cabalo se tratara. Mentres o leva ao lombo, adoita botar carreiras cos burros e bestas que atopa polo camiño.

Tamén na xornada do domingo proxectarase Mongol, de Sergei Bodrov, unha peza biográfica que narra a vida do emperador de Mongolia, Genghis Khan, dende a escravitude dos seus anos de infancia, ata a conquista de metade do mundo oriental, incluída Rusia, en 1206.

Asemade, o Festival continúa a se achegar a obras comprometidas co noso tempo e lugar que procuran mostrar a realidade dos máis desfavorecidos da nosa contorna social. Neste apartado destaca o documental Flores de luna, de Juan Vicente Córdoba, filme documental gravado nunha chabola do Pozo do Tío Raimundo, barriada madrileña construída vertixinosamente nos anos 50 con casas de barro e lata que medraban coma flores de lua, erguidas durante a noite. O sábado 22, Juan Vicente Córdoba está en Compostela para comentar o seu filme in situ.

Compartir: