CULTURA

Cineuropa 2008 estrea a longametraxe galega "Flores tristes", de Manuel Abad

20/11/2008 O compromiso co cinema galego do Festival Cineuropa 2008 continúa certificándose xornada a xornada. Na tarde do venres 21 de novembro, no Teatro Principal, estrearase oficialmente a longametraxe documental Flores tristes, dirixida polo cineasta coruñés Manuel Abad.

A peza parte dunha idea moi concreta: en Galicia non houbo guerra, houbo unha brutal e asasina represión exercida polo bando fascista. E dedícase a percorrer estes crimes presentándoos con gravacións in situ e entrevistas, mais cunha vontade narrativa na procura dunha unidade, e cunha linguaxe poética que busca a emoción no espectador.

Ademais, no serán do venres os afeccionados ao cinema de ciencia-ficción poderán gozar de dous títulos míticos da Serie B americana dos anos 50 e 60. A sesión enceta ás 00:15 horas no Teatro Principal coa proxección de O home con raios X nos ollos, do prolífico director Roger Corman. A película está protagonizada polo doutor James Xavier, que experimenta nos seus propios ollos unha substancia que lle permitirá ver a través de corpos opacos. Ao remate pasarase O planeta prohibido, de Fred M. Cox, no que unha expedición é enviada ao planeta Altair-4, a anos luz da Terra, para pescudar que ocorreu cunha colonia da que hai tempo que non se teñen noticias. O que atopan John e os seus compañeiros é o Dr. Morbius e mais a súa filla, os únicos superviventes que escaparon dun monstro que rolda polo planeta.

As últimas creacións de Hal Hartley e Jean-Paul Salomé
Cineuropa 2008 continúa a achegar a Compostela as últimas obras de cineastas senlleiros do cinema contemporáneo. Ás 22:00 horas na Aula Sociocultural de Caixa Galicia proxectarase Fay Grim, a última peza do cineasta independente norteamericano Hal Hartley. A protagonista do filme é unha nai solteira que está obsesionada coa educación de Ned, seu fillo de 14 anos. Quere evitar como sexa que siga os pasos de seu pai ,que sete anos atrás matou accidentalmente un veciño e desapareceu sen deixar rastro.

Do cineasta francés Jean-Paul Salomé pasarase, ás 22:15 horas, no Teatro Principal, Les femmes de l'ombre, un filme ambientado durante a Segunda Guerra Mundial, que narra a historia dun grupo de mulleres da Resistencia francesa.

No Salón Teatro, ás 22:00 horas, chega a Compostela o debut cinematográfico do prometedor cineasta colombiano Carlos Moreno. O filme Perro come perro, de ritmo trepidante, conta a historia de Orejón, un criminal violento e agorafóbico que vive rodeado de telescopios nun luxoso piso do centro de Cali, Colombia. Cando asasinan o seu afillado, acode a unha sacerdotisa vodú para vingar a súa morte lanzándolle un maleficio ao asasino, Eusebio.

Compartir: