NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Catro obradoiros de graffiti incentivan entre os alumnos de secundaria a creatividade en galego e dende o galego

18/11/2008 A Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, organiza unha serie de obradoiros de graffiti nos institutos de ensino secundario de Compostela. O obxectivo destes obradoiros é incentivar a creatividade en galego e dende o galego, asociar o uso da lingua con actividades do interese dos alumnos, asociar galego e modernidade e fomentar a creatividade por grupos.

A primeira das sesións, na que participarán dous grupos de 3º de ESO, terá lugar o mércores 19, ás 9:20 horas, no IES Xelmírez II. Este mesmo día, ás 13:30 horas, un grupo de 1º de ESO realizará este obradoiro no IES Rosalía de Castro. Para o xoves 20 quedan as sesións a desenvolver no IES Lamas de Abade (9:00 horas) e no IES de Sar (12:35 horas).

Na primeira parte do obradoiro e dun xeito breve, explicaráselles aos asistentes a relación entre signos e letras, e a súa evolución. A partir de aí establecerase un pequeno xogo no que a partir de letras os asistentes creen debuxos con significado. Cómpre lembrar que aínda que as veces parezan ilexibles a maior parte dos graffitis, son composicións de texto.

Unha vez feitos os bosquexos, pasarase a explicarlles aos alumnos a técnica relacionada co graffiti do "stencil" ou pintado a través de plantillas. Tamén se lles instruirá nas técnicas básicas de cor forma e composición. O artista Anxo Fariña pintará no propio mural personaxes da súa obra Os Megatoxos combinados con creacións dos mozos. Finalmente e por grupos, os asistentes ao obradoiro farán en grande as súas creacións con sprays nun papel a tamaño mural, que logo poderán levar con eles ao seu centro de estudos.

As sesións estarán dirixidas polo ilustrador de director de arte Anxo Fariña. Este coñecido autor compaxina o traballo creativo co contacto directo cos seus lectores. Entre o 2005 e o 2008 está a desenvolver unha campaña de promoción da lectura e a creatividade que o levou a visitar máis de 250 centros de ensino, (infantil, primaria e secundaria).

A través das súas historias e das súas ilustracións crea dun xeito divertido un vínculo entre os mozos e os libros. Destaca a súa gran capacidade empática co público máis novo, e a súa posta en escena. Na súa obra destacan Os Megatoxos, unha colección de libros que é xa un referente na nova literatura infantil e xuvenil, ata o punto que, á vista do interese espertado polos personaxes destes libros, moitos docentes recoméndanos como lectura obrigatoria.

Compartir: