XUNTA DE GOBERNO

Xosé Castro González e Avelino Pousa Antelo dan nome a dúas novas rúas en San Lázaro

18/11/2008 A Xunta de Goberno local aprobou a realización de obras de mellora nos vieiros de tres parroquias: San Marcos, Villestro e Marantes. Entre os acordos adoptados figura tamén o estudo e recuperación da muralla medieval da cidade ou a asignación a dúas novas rúas de San Lázaro dos nomes de Xosé Castro González "Chané" e Avelino Pousa Antelo.

A rúa Xosé Castro González "Chané" estará situada no PERI-5 de San Lázaro. O coñecido popularmente como "mestre Chané" nacera en 1856 na travesa de Pitelos. Nos seus anos mozos inclinouse pola composición e o canto polifónico e foi nesta especialización onde obtivo os grandes éxitos da súa carreira artística.

A pesar da súa fama, que transcendeu as fronteiras de España, en 1885 despoxárono da súa cátedra na Escola de Belas Artes de Coruña. Esta decisión inxusta fíxoo tomar camiño da emigración, onde triunfou como compositor. A figura de Chané despois da súa morte foi recordada sistematicamente polo incipiente nacionalismo galego e pola emigración dispersa por América. A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina nos seus primeiros congresos chegou a resolver que anualmente farían homenaxes a figuras destacadas da historia de Galicia, entre elas o Mariscal Pardo de Cela, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Castro Chané.

Pola súa parte, Avelino Pousa Antelo dará nome a unha rúa do SUNP-6, tamén en San Lázaro. Galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural, destaca, por riba das súas múltiples facetas, polo seu labor como divulgador da cultura galega, unha faceta que estivo presente en todas e cada unha das súas actividades. Sobreviviu á Guerra Civil e aos atrancos para exercer a profesión, chegando a obter a valoración, admiración e recoñecemento público da súa obra e do seu labor, tanto en Galicia como en América. Na actualidade é presidente da Fundación Castelao.

Obras
En materia de obras, aprobouse o proxecto e iniciouse o expediente de contratación das obras de nova capa de rodadura nas parroquias de San Marcos, Villestro e Marantes. O tipo de licitación quedou fixado en 180.640 euros máis IVE, cun prazo de execución de dous meses.

Ademais, iniciouse o procedemento para contratar a supervisión e coordinación dos proxectos derivados do convenio de travesías entre o Concello e a Consellería de Política Territorial. Destínanse a este contrato 60.000 euros máis IVE.

Cidade Histórica
No ámbito da Cidade Histórica, aprobáronse as propostas de gastos para a execución do estudo da muralla e da súa evolución e transformación ao longo do tempo (16.240), e para unha serie de traballos arqueolóxicos de limpeza e rexistro de paramento do edificio situado no número 18 da rúa de Entremuros (8.540 euros).

Respecto ao estudo da muralla, preténdese facer unha prospección arqueolóxica exhaustiva de todo o perímetro da muralla. Tamén se analizará detalladamente a cartografía histórica e a actual e realizarase un baleirado documental do Arquivo Histórico Municipal e dos arquivos doutras institucións.

Os traballos no número 18 da rúa Entremuros teñen o obxectivo de recuperar o lenzo da devandita muralla medieval da cidade. A muralla –cunhas dimensións de 10 metros de lonxitude, por 2,5 metros de ancho e 5 metros de altura, está oculta polas numerosas capas de morteiro, cal e pintura acumuladas durante décadas.

Xacobeo e Xangai 2010
O Goberno local procedeu tamén a nomear representantes do Concello nas comisións de cooperación entre o Consello da Capitalidade e o Concello para colaborar na xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010 e de apoio á participación na Exposición Internacional de Xangai do mesmo ano.

Na primeira das comisións estará a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, o concelleiro de Festas e o concelleiro de Turismo. Na de Xangai 2010 os representantes serán os edís de Urbanismo e Vivenda, Facenda e Orzamentos, Turismo e Cidade Histórica e Rehabilitación.

Deportes
En Deportes, aprobouse a concesión das subvencións para as escolas deportivas do ano 2008, por un importe total de 13.201 euros. Esta cantidade repartirase entre dez entidades.

Documentos relacionados



Compartir: