MOBILIDADE

O Concello fará un estudo para mellorar a mobilidade e o estacionamento no polígono do Tambre

17/11/2008 A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, anunciou a elaboración dun estudo das necesidades para a optimización da circulación viaria no polígono do Tambre. A redacción deste estudo adxudicarase na Xunta de Goberno do martes 18 de novembro.

Este estudo, que terá un custo de 13.976 euros (11.988 euros máis 1.918 de IVE), é un compromiso asumido polo propio alcalde coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. O seu obxectivo é mellorar as condicións do tráfico de vehículos nesta área e solucionar algúns problemas de aparcadoiro.

En concreto, unha das medidas será a mellora da sinalización e pintado das zonas de aparcadoiro, a fin de evitar o aparcamento de camións con plataformas en áreas non habilitadas. A Policía Local xa vén realizando nos últimos oito meses un labor de control e retirada destes vehículos. Igualmente, darase resposta á demanda dos empresarios respecto aos vehículos aparcados nos accesos ás parcelas.

"Somos conscientes de que as zonas de aparcamento en superficie son escasas, pero hai que optimizalas", apuntou a concelleira. Neste sentido, tamén se referiu ao control que se vén realizando para evitar que os vehículos aparquen nas beirarrúas e para retirar vehículos abandonados. Ademais, mellorarase a sinalización e pintado das paradas de autobuses e dos pasos de peóns.

Cara a unha mellor ordenación do tráfico, a medida máis salientable será a prohibición do xiro á esquerda na vía Edison cara a vía Isaac Peral. Esta restrición permitirá "alixeirar o tráfico neste acceso ao polígono do Tambre", sinalou Álvarez-Santullano.

Este estudo de mobilidade pretende atender as demandas das máis de 400 empresas que prestan os seus servizos nesta área industrial de máis dun millón de metros cadrados. Dende a súa creación en 1975, este polígono industrial non deixou de medrar, o que derivou nunha área con gran movemento de persoas e mercadorías.

Compartir: